A novela é a continuación de O segredo das Burgas de 2018, seguindo as aventuras do medio-demo Ciprianiño, Cip para os amigos, a meiga Landelina e a súa mestra, dona Ádega.
A historia comeza cando a meiga de meigas é chamada ao Edificio Simeón para tratar cunha invasión de trasnos. O que semella un simple caso de falcatruadas sobrenaturais pronto desvela ser unha conspiración para manter a Cip e os seus amigos entretidos. Ao mesmo tempo, dúas rapazas, Candela e Irene, chegan a Ourense levando un obxecto misterioso.
No transcurso da investigación, Cip e Landelina coñecerán personaxes do mundo máxico de Ourense, descubrirán que é o obxecto que gardan Candela e Irende e como se relaciona cun antigo mal que está a piques de retornar.
Nado en 1988 na cidade de Ourense. Na casa líanlle contos para durmir e na escola dábanlle libros para ler. Daquela non lle quedou outra que facer medrar unha vea de escritor. Estivo algún tempo probando sorte en concursos literarios, pero deixouno durante catro anos para cursar Maxisterio no campus da cidade. Namorado da mitoloxía, ao rematar os estudos decidiu escribir sobre as lendas da súa terra. O resultado foi O segredo das Burgas, que chegou ao mundo nun ordenador que tarda demasiado en acender.