Cada 23 de abril celebramos o Día do Libro, unha data para reivindicar o valor da lectura como espazo de liberdade, pensamento crítico e encontro coas historias que nos axudan a entender mellor o mundo e tamén a nós mesmos.
Nun tempo acelerado, no que todo parece esixir inmediatez, os libros seguen ofrecendo un espazo no que pararse a mirar. Ler é abrir portas, cuestionar certezas, descubrir outras vidas e ampliar horizontes. É tamén unha maneira de coidar a lingua, a cultura e a creación literaria.
Desde Galaxia queremos celebrar este día poñendo en valor algunhas das nosas publicacións recentes, obras diversas que amosan a vitalidade da literatura galega e a capacidade dos libros para emocionarnos, incomodarnos e acompañarnos.
O lanzador de coitelos, de Fernando Castro Paredes
Premio Galaxia 75 Anos e Premio da Crítica Española de Narrativa Galega 2025, esta novela parte dos códigos do thriller para construír unha historia sobre a liberdade, a memoria e as identidades quebradas.

As humidades, de Alba Tomé Sueiro
Finalista do Premio Illa Nova de Narrativa 2025, mergúllase nas feridas da infancia e na violencia que se agocha tras a aparencia dunha familia común. Unha obra intensa e delicada ao tempo, capaz de iluminar o silencio e a resistencia.

A noiva cuántica, de Xosé Cid Cabido
Con humor, ironía e mirada crítica, esta novela sitúanos nunha cidade marcada pola soidade e pola mercantilización das relacións humanas. Un texto intelixente e moi actual sobre os vínculos, os afectos e os cambios sociais.

Volveredes brindar por min. Unha biografía de Begoña Caamaño, de Ana Romaní e María Xesús Nogueira
Pertencente ás Letras Galegas 2026, esta biografía é un exercicio de memoria colectiva arredor dunha figura fundamental do xornalismo e da cultura galega. A partir de arquivos, lembranzas e testemuños, as autoras reconstrúen unha vida comprometida e unha voz imprescindible.

Asasinato no muíño do Cura, de Arantza Portabales
Intriga, segredos e contas pendentes nun novo caso protagonizado por Iria Santaclara e César Araujo. Unha novela de ritmo áxil e atmosfera envolvente na que o pasado regresa para esixir respostas.

Catro viaxes de Elena Fahlbusch, de Damián Guede
Ambientada nunha rodaxe cinematográfica, esta obra propón unha reflexión sobre a tecnoloxía, a madureza e os vínculos humanos. Unha novela suxestiva que combina mirada íntima e lectura crítica do presente.

Desexámosvos unhas felices lecturas!