Editorial Galaxia publica Volveredes brindar por min. Unha biografía de Begoña Caamaño, unha obra asinada por Ana Romaní e María Xesús Nogueira que afonda na vida, no pensamento e no legado dunha das voz única.
No marco das Letras Galegas, este volume recupera a figura de Begoña Caamaño desde unha perspectiva fondamente humana e plural. A partir de arquivos persoais, conversas, lembranzas compartidas, álbums íntimos, documentación dispersa e múltiples pegadas vitais, as autoras constrúen unha biografía que transcende o relato convencional para converterse nun exercicio de memoria colectiva.
Volveredes brindar por min achega ao público a xornalista que foi Begoña Caamaño, mais tamén as preocupacións que marcaron o seu traballo e a súa visión dos medios de comunicación. O libro permite comprender mellor unha traxectoria comprometida coa palabra, co pensamento crítico e coa realidade do seu tempo.
Escrito a catro mans por dúas amigas e compañeiras de xeración intelectual, Ana Romaní e María Xesús Nogueira propoñen unha ollada nacida da confianza e da complicidade, apoiada ademais na ampla rede de relacións persoais e profesionais que Begoña Caamaño teceu ao longo da súa vida.
As autoras
María Xesús Nogueira (Berres, A Estrada, 1968) é profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria. Desde hai anos vén ocupándose da poesía galega contemporánea en libros como 13. Antoloxía da poesía galega próxima (2017) e Xela Arias. Poesía reunida (2018), entre outros, ademais de profundar na relación entre os procesos de creación literaria e o xénero.
Ana Romaní (Noia, 1962) publica no ano 1987 o seu primeiro libro de poemas Palabra de Mar. Despois editaríanse Das últimas mareas (1994), Arden (1998) e Love Me Tender (2006). Creou e participou en distintos proxectos artísticos, entre eles “Son Delas”, “Lob*s”, “Estalactitas”, “Catro poetas suicidas. Intervención poetica contra a levidade” ou “A voz e o poema. Os periplos de Aviles de Taramancos”. No ano 2003 publica Antón Avilés de Taramancos. Antoloxía (Galaxia). Dirixe desde 1990 o programa de información cultural “Diario Cultural” da Radio Galega, recoñecido co Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia (1992), o Premio Xerais (1999) á cooperación no labor cultural, o Premio San Martiño á Normalización Lingüística e Cultural (2000). Premio da Asociación de Escritores en lingua Galega (2007), Premio ao Fomento da Lectura na modalidade de radio da Federación de Gremios de Editores de España (2007). Polo seu labor profesional recibiu o Premio Atlantida á xornalista radiofónica do Gremi de Editors de Catalunya (2008), Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (2009) e Premio á Traxectoria Xornalistica da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2009). Premio Nacional de Periodismo Cultural 2018.