Editorial Galaxia presenta os 10 títulos da súa Biblioteca 75 aniversario nun acto en Vigo que rende homenaxe a María do Carme Kruckenberg

Categoría: Nova

A Libraría de El Corte Inglés acolle a presentación dunha colección que recupera textos clave da cultura galega

Editorial Galaxia continúa a celebración do seu 75 aniversario cun acto especial que terá lugar o martes 21 de abril ás 20:00 horas na Libraría de El Corte Inglés de Vigo. O encontro servirá tamén como homenaxe a María do Carme Kruckenberg no centenario do seu nacemento (1926–2026), unha voz fundamental da nosa cultura.

No acto intervirán Tamara Andrés, directora da colección Dombate de Editorial Galaxia, xunto a Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia. Participarán tamén o concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Gorka Gómez, e a concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias.

A Biblioteca 75 aniversario é un proxecto que recupera textos fundamentais da cultura galega e os devolve ao presente, reafirmando o compromiso de Galaxia coa creación e a transmisión cultural desde 1950.

O volume As poetas da colección Salnés, con introdución e escolma de Patricia Arias Chachero, foi o primeiro en publicarse dentro desta colección e ocupa un lugar central no proxecto, ao incluír textos de Xohana Torres, María do Carme Kruckenberg, Pura Vázquez, María Manuela Couto e Anne Marie Morris. Esta obra recupera voces pioneiras que, nun contexto de fortes limitacións sociais e culturais, abriron camiño para as xeracións posteriores de escritoras.

A colección complétase con títulos como A cociña galega, de Álvaro Cunqueiro, con limiar de Javier Olleros e ilustracións de Maruxa Caeiro; Leccións de gaita, de Enrique Otero Covelo, en edición de Xaime Estévez Vila; No lindeiro do bosque. A tradución nos primeiros anos de Grial, con introdución e escolma de Tamara Andrés e Ana Luna Alonso; Lonxe de nós e dentro e outras páxinas, de Camilo Gonsar, con introdución de Antía Yáñez; Dar voz ao teatro galego. O premio Castelao de teatro 1964-1967, con introdución de Cristina Domínguez Dapena; Sempre en Galiza. Escolma posible, de Castelao, en edición de Henrique Monteagudo e con introdución de Xosé Manuel Dasilva; Antoloxía do conto galego de tradición oral, de Maruxa Barrio e Henrique Harguindey, con introdución de Antonio Reigosa e ilustracións de Agustina Shuan; Os Toribios, de Carlos Casares, con ilustracións de Sandra Lodi e limiar de Montse Pena; e 8 ensaios sobre Rosalía, con textos de María do Cebreiro Rábade Villar, Xoán Rof Carballo, Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega, Domingo García-Sabell, Ricardo Carballo Calero e Luís Pimentel.

Con esta iniciativa, Galaxia pon en valor 75 anos de traxectoria recuperando obras clave para seguir construíndo futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email