“As humidades”, de Alba Tomé, finalista do Premio Illa Nova de Narrativa 2025

Categoría: Nova

Editorial Galaxia publica As humidades, a nova novela de Alba Tomé, finalista do Premio Illa Nova de Narrativa 2025.

A obra parte dunha idea clara: a infancia pode ser un paraíso perdido ou o primeiro inferno. Cando a violencia se instala no fogar, a casa deixa de ser refuxio e convértese nun espazo de medo que marca a vida futura.

Na historia, un pai que aspira a medrar na política local tenta construír unha nova imaxe pública mentres procura enterrar o pasado. Ao tempo, na sombra, a avoa e as pequenas crean unha alianza silenciosa para evitar que ese pasado quede sen consecuencias.

As humidades é un relato que se move entre a crueza e a delicadeza, e que amosa como detrás dunha familia aparentemente común pode agocharse violencia invisible, pero tamén unha forza capaz de romper o silencio.

Alba Tomé (Vilagarcía de Arousa, 1996) é comunicadora audiovisual especializada en xornalismo. Traballou como redactora e columnista en medios como Diario Público, Revista Luzes Gciencia.  Entre 2021 e 2023 mergullouse na comunicación política no Congreso dos Deputados. Realizou diversos traballos como fotógrafa, así como presentadora e moderadora de conferencias e eventos públicos. Paralelamente á súa profesión, desenvolveu un intenso labor no activismo feminista desde a asociación O Soño de Lilith. Na actualidade coordina a comunicación do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e traballa en proxectos culturais e musicais. As humidades é a súa primeira novela, coa que quedou finalista do Premio Illa Nova. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email