Na editorial Galaxia, sabemos que a cociña é moito máis que poñerse diante dos fogóns. É tradición, innovación e unha maneira de reunirnos arredor da mesa. En definitiva, cultura. Por iso, seleccionamos unha serie de libros únicos que vos permitirán descubrir novas receitas, afondar nos sabores da nosa terra e gozar da gastronomía, en galego.
AS RECEITAS DE A VOLTAS CO PRATO. Reunidos ao redor dunha gran cociña, foi como xurdiu este libro que vos ofrecemos, cociñando e probando, algo espeluxados, como auténticos exploradores da gastronomía na procura do sabor definitivo.
Este é o resultado dun amoroso cociñado en grupo, (Begoña, Estefanía, Merchi e Xulio) un belisco da nosa pequena gran vida sendo parte do programa da TVG A voltas co prato.
A CARÓN DO LUME, de Mónica Prego. Ofrece un monllo de receitas galegas, humildes e tradicionais, que pretende espertar un recordo, transmitir o sentir e a historia que vai de par de cada unha delas. Esas receitas que as avoas facían a carón da lareira, o centro das casas.
NOVAS LAMBETADAS DUNHA LARPEIRA FELIZ, de Merchi Rodal. Da tradición galega saca a inspiración para moitas das receitas que propón: as filloas, os amendoados, o arroz con leite, e a empanada de mazá… Un libro perfecto para endozar calquera ocasión.
RECEITAS PARA ENCHER O PEITO, de Xoanqui Ameixeiras. É un libro que recende a afumados, a caldeirada, a mar e a campo, onde se loa o produto por riba de todo, “o noso produto”, pero tamén unha cociña para saber aproveitar.
Xoanqui Ameixeiras quere transmitirnos e compartir o seu amor polo bo comer, que vén desde A Marola, aquela taberna da súa nai en Fene; unha cociña de tradición e de sabores de sempre. Unha cociña que está ben boa!
AS RECEITAS DE XIANA, de Xiana Pérez. Neste libro ofrécense receitas sinxelas e saborosas para que os que non cociñen se animen e os que xa o fan atopen ideas novas.
RECEITAS PEQUERRECHAS, de Rocío Garrido Caramés. 50 receitas para que a cativada da casa se fagan chefs de primeira. Propostas moi doadas de facer para pasar agradables momentos na cociña en familia.
A COCIÑA DOS CUNQUEIRO, de Elvira González-Seco Seoane. En edición de Miguel Vila Pernas e limiar de César Cunqueiro. Unha selección de receitas dos dez cadernos que a autora legou ao seu fillo, César Cunqueiro.
Pratos das décadas dos anos sesenta, setenta e oitenta do século XX da cociña tradicional galega e española. Mais tamén da chamada cociña internacional.
Elixe o teu favorito ou lévaos todos! Estes libros son unha invitación para experimentar, saborear e compartir a paixón pola boa cociña. porque na nosa mesa, os sabores cociñan en galego.