A prestixiosa revista Babelia de El País, destaca as obras Ubasute, da Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 por As alumnas, Paula Carballeira, e O teu perfil na miña sombra, de Rexina Vega, Cunqueiriana de Honra.
UBASUTE fai referencia no título ao termo xaponés que significa literalmente “abandono dunha anciá”, o presunto costume de deixar nunha montaña ou nun lugar afastado un parente vello ou enfermo. Existen referencias desa práctica na tradición oral de numerosas culturas, pero ningunha proba.
En palabras da propia autora, esta obra trata sobre “as diferentes maneiras que hai de deixar para sempre algo, alguén ou incluso de abandonarse a un ou a unha mesma. Tamén aborda a dificultade de apartar os recordos e o sentimento de culpabilidade, malia que se opte por cambiar de espazo como estratexia para distanciarse deles”.
O TEU PERFIL NA MIÑA SOMBRA, é un libro que non é exactamente unha narración, tampouco un poemario nin un ensaio, pero baixo a forma de diario recolle todos eses rexistros para indagar nun dos temas esenciais da reflexión sobre o “ser muller”: a maternidade.
A partir da marcha da filla, asistimos nestas páxinas ao relato dese temp o marcado pola síndrome do niño baleiro, o que dá pé a unha reflexión sobre o complexo mundo das relacións materno-filiais, sobre o que herdamos e o que só á nosa responsabilidade pertence, sobre a vivencia do corpo, sobre as sombras e mais o gozo. De fondo, a consciencia da tremenda ambivalencia dunha aventura que se debate entre o un e o diverso, entre a apropiación radical da outra e a asunción, tamén radical, da alteridade.
Un grato recoñecemento, por parte dun dos suplementos culturais máis importantes a nivel nacional e internacional, que mostra a boa saúde que gozan as nosas Letras.