Elvira González-Seco Seoane naceu en Mondoñedo en 1913, filla do avogado César González-Seco Romero e da mestra Josefa Seoane. Casou en 1940 con Álvaro Cunqueiro, co que tivo dous fillos. Morreu en 1995.
Non moi alta, delgada, de extraordinaria enerxía vital e un supremo equilibrio de espírito. Dotada para o traballo constante e disciplinado, aprendeu italiano escrito para axudar o seu esposo en traducións que lle encargaban; aprendeu francés para axudar os fillos nos seus estudos de bacharelato e nos anos sesenta era capaz de ler libros en inglés. Empedernida lectora, reuniu unha estimable biblioteca, especialmente de pensamento e Historia, á que era grande afeccionada. Era tamén unha lectora apaixonada de novelas policiais, das que posuía boas coleccións.
No terreo da cociña e da gastronomía en xeral, destaca a súa extraordinaria afección a cociñar, para o que estaba especialmente dotada, a imaxinar receitas ou a mellorar as alleas, que recolleu ao longo da súa vida nunha ducia de cadernos numerados.