Rosalía de Castro. Unha voz eterna para Galicia

Categoría: Nova

Hoxe, domingo 23 de febreiro, conmemoramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, unha das figuras máis transcendentais da nosa literatura e da nosa identidade cultural. A súa voz, firme e inconfundible, continúa a soar con forza no noso tempo.

Nada en Santiago de Compostela en 1837, foi pioneira na recuperación da lingua galega coa publicación de Cantares gallegos en 1863, obra que marcou o inicio do Rexurdimento. Follas novas, publicada anos despois, consolidou o seu papel como a escritora máis relevante do século XIX galego, converténdose nunha referencia ineludible da literatura.

A súa escrita, fondamente comprometida co pobo, coa muller e cos máis desfavorecidos, soubo dar voz a unha Galicia que loitaba contra a pobreza, a emigración e a inxustiza. Mais Rosalía foi tamén unha creadora cosmopolita, atenta ás grandes correntes de pensamento da súa época. A súa obra, lonxe de ser un simple testemuño do seu tempo, segue a iluminar as nosas inquedanzas.

Para celebrar o seu legado, destacamos algunhas lecturas imprescindibles:

CANTARES GALLEGOS. Libro fundamental das nosas letras, está considerado a primeira grande obra da literatura moderna do noso país. 

ROSALÍA DE CASTRO. CANTOS DE INDEPENDENCIA E LIBERDADE (1837-1863), de María Xesús Lama. Premio Nacional de Ensaio 2018. Unha biografía que nos achega á mocidade da autora e ás circunstancias que moldearon o seu pensamento.

MIÑA CASIÑA, MEU LAR, con ilustracións de Blanca Millán, mergúllanos nunha historia de loita e superación, onde a protagonista atopa forza nas pequenas cousas, tal como a propia Rosalía fixo coa súa escrita.

SOBRE A LINGUA GALEGA DE ROSALÍA DE CASTRO, de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, un estudo que analiza a riqueza e a evolución do galego na súa obra.

E, como novidade, ROSALÍA OCULTA, de Paula Mayor, novela gráfica que gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada 2023. Nesta obra, aofrécesenos unha visión máis íntima e complexa da escritora, afastada dos mitos, próxima á realidade dunha muller que loitou contra as inxustizas do seu tempo. Unha Rosalía máis humana, rebelde e actual.

Hoxe, máis ca nunca, celebramos a súa voz. Porque Rosalía segue a falarnos. E nós seguimos a escoitala.

Comparte nas túas redes sociais ou por email