Edición de Teresa Bermúdez
Rosalía de Castro naceu muller na Galicia do século XIX e participou dos movementos intelectuais da súa época. Como tal, como muller e como galega, escribiu e reflexionou sobre o mundo que a rodeaba. Para que poidamos comprender a súa obra, neste caso Follas novas, resúltanos polo tanto indispensable establecer as coordenadas históricas, na economía e na política, e o marco cultural en que se desenvolveu o labor creativo da nosa poeta.

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837 – Padrón, 1885) é a escritora máis importante do Rexurdimento galego, así como a máis popular das autoras do país. A súa figura aparece na actualidade unida de forma indisoluble a Galicia. É autora en galego dos poemarios Cantares gallegos e Follas novas, cos que a lingua galega volveu acadar cotas de alta calidade literaria logo de varios séculos de escuridade. Ademais publicou en castelán obras en verso e en prosa.