O mércores 14 de decembro, celebrarase, ás 19 h, na libraría Numax de Santiago de Compostela, a presentación de Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianza, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021, de María do Cebreiro Rábade Villar.
Acompañando a autora, estarán as docentes Laura Lojo e Teresa Moure.
No seu novo libro Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianza, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021, María do Cebreiro, estuda a idea da maternidade, condicionada por dous factores fundamentais: o decrecemento progresivo da natalidade e o atraso da idade á que as mulleres teñen o seu primeiro fillo.
A autora achégase, neste traballo, a todos os públicos, sen perder o rigor intelectual sobre como os cambios sociais, o capitalismo, o contexto tecnolóxico e os cambios no coñecemento están intervindo a experiencia da maternidade. Do Cebreiro conecta a quen le coas últimas tendencias en pensamento feminista e coa actualidade, deixando que alcance as súas propias conclusións sobre o tema.
Explorar os novos dispositivos parentais, e as súas implicacións colectivas, é o principal obxectivo deste ensaio, que entra en diálogo con clásicos da literatura feminista, ao tempo que tenta explorar os límites da dimensión confesional do xénero.
María do Cebreiro Rábade Villar licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. É poeta e ensaísta galega e doutora en Teoría da Literatura na mesma universidade.
En 2004 acadou o Premio de Investigación Dámaso Alonso coa obra As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña, extraída da súa tese de doutoramento Aproximación teórica ó fenómeno antolóxico desde a perspectiva do espacio. Como poeta gañou o Premio Esquío de poesía e o Premio Crítica de Galicia de Creación literaria.
Na Editorial Galaxia publicou títulos como As terceiras mulleres ou Fogar impronunciable. Poesía e pantasma, na colección Ensaio; e Os hemisferios, Os inocentes e A herba de namorar, poemarios pertencentes á colección Dombate.