O verdadeiro comezo de ano é setembro

Categoría: Nova

Todas sabemos que o verdadeiro comezo de ano é setembro. Unha nova xanela chea de bos propósitos, un folio en branco e un horizonte cheo de oportunidades. As máis pequenas e pequenos da casa comezan o curso ateigados de ilusión, apreixando con ganas as súas mochilas e lápices de cores, pensando no que lles agardará na aula este ano… Que mellor maneira de comezalo que con lecturas como as que vos destacamos a continuación?

PAPÓNS, Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, de Sandra Lodi. Publicado na colección Álbum, recomendado a partir dos 5 anos, unha proposta que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. 

ROLANDO E UN FÍO RESISTENTE, de Alba de Evan e Xabier Domínguez, ilustrado por Paula Cheshire. Publicado na colección Árbore e recomendado a partir dos 8 anos, nesta historia acompañamos a Rolando, un artista que tece obras de arte co seu fío en Preto-daFonte. Unha historia de aventuras na que descubrirá que o máis importante é a amizade.

SUCOS, Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023, de Ignacio Vidal Portabales, ilustrado por Sandra Lodi. Publicado na colección Árbore, recomendada a partir dos 8 anos, amosa a relación entre unha nena e o seu avó, unha extraordinaria aventura na que ambos percorrerán camiños e leiras, acompañados do agarimo que os une.

AS VINTE FADAS DE LALA RUS, de Xoán Babarro, ilustrado por Ana Tasende. Publicado na colección Árbore, está recomendada para a partir dos 10 anos. Lala Rus descóbrenos unhas fadas que cantan as súas propias cancións, mais tamén exercen de bibliotecarias, pescantinas, adestradoras, labregas, actrices, voluntarias en onegués, fotógrafas… Unhas fadas fantásticas que poden facer todo o que queiran.

VRAOde Lois Alcayde Dans, ilustrado por Lucía Escrigas. Publicado na colección Árbore, recomendado a partir de 12 anos. Un canto de amor a un dos momentos máis fermosos do ano e todo o que implica.

A través destes versos, navegamos os mares infindos, paseamos polas tardes de sol, coñecemos as amizades pasaxeiras e perdémonos polos montes poboados por animais de cores.

LUZ. A HISTORIA NON CONTADA DE JESSE OWENS E LUZ LONG, de Francisco Castro. Publicado na colección Costa Oeste, enfocada a público xuvenil e dirixida a todas as idades. Conta a historia real de Luz Long, represaliado por Hitler por axudar a un competidor, negro. Unha historia de amizade, respecto e camaradería, nun tempo escuro de racismo, represión e violencia.

As súas páxinas atesouran a historia real de Luz Long, represaliado por Hitler por axudar a un competidor, negro. O autor recupera a súa figura para contarnos unha fermosa historia que non debe ser esquecida.

FÓRA DE CAMPO, Premio Roberto Vidal Bolaño 2024, de Rosalía Fernández Rial. Publicada na colección Costa Oeste, esta obra enfoca o que fica alén do plano, o que se pode intuír pero non se ve, nese espazo onde se revela a cara oculta das redes sociais, o poder das contendas cotiás, os fíos que unen as mulleres que non se deixan enredar.
 
Fóra de campo fala unha linguaxe contemporánea onde conflúen as artes escénicas, plásticas e musicais. 

CASTELOS DE CRISTAL, de Sandra Ferreiro. Publicada na colección Costa Oeste, esta obra supón o debut da autora, que constrúe nesta publicación uns relatos que invitan á lectura pausada e reflexiva a través dunha prosa poética chea de profundidade e sosego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email