Despois de estar dispoñible, dende maio, na cidade da Coruña, e Vigo, dende xullo, a exposición sobre a homenaxeada nas Letras Galegas deste ano visita a capital de Galicia.
O xoves 12 de setembro, celebrarase, ás 13 h, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, a inauguración da exposición das Letras Galegas Luísa Villalta. A música das palabras. Unha mostra promovida pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña, comisariada por Xesús Domínguez Dono; deseño e maquetaxe de Hayat Husein; e producida por Merlín Comunicación (Grupo Editorial Galaxia).
No acto, participarán Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura; Xesús Domínguez, director de Produción de Galaxia e comisario da exposición; Susana Villalta, irmá de Luisa Villata; María López-Sández, académica numeraria da Real Academia Galega; e Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego.
Percorrido pola exposición a cargo de Xesús Domínguez, comisario da exposición.
A exposición sobre Luísa Villalta Gómez (A Coruña, 1957-2004), poeta homenaxeada na festa das Letras, repasa a traxectoria biográfica e profesional da polifacética escritora da “Cidade Alta” co fin de axudar a comprender quen foi, que nos deixou e que implica a súa figura no panorama contemporáneo cultural de Galicia.
O proxecto componse de 14 paneis que repasan, mediante textos divulgativos e unha ampla información visual, a súa traxectoria vital, intelectual e profesional, facendo parada especial na súa relación coa Coruña, con versos dos seus poemarios e fotografías de Xurxo Lobato.
Os paneis compleméntanse con mesas-vitrina, documentación e obxectos relacionados coa poeta, que completan a información.
Celebramos a súa palabra “con tinta de mar”.