Hoxe recibimos, nas instalacións da editorial Galaxia, en Vigo, a visita dun grupo de estudantes e profesoras do Instituto arxentino galego Santiago Apóstol de Bos Aires. Rapazas e rapaces chegados dende o outro lado do océano Atlántico, viñeron á nosa casa para reafirmarse nos valores legados polos devanceiros, que levan ata a súa terra, Bos Aires, no seu quefacer cotián.
Na editorial, estivo para recibilos Marcos Calveiro, director de Edicións, xunto coas compañeiras e compañeiros do equipo. Con el, conversaron sobre a historia de Galaxia, Fontán e a carta xeográfica de Galicia, a realidade cultural da nosa terra e o 75 aniversario, que afrontamos con ilusión e novos proxectos.
Tamén se fixeron abondosas referencias á ascendencia galega da maioría do alumnado, e tivemos a ocasión de comprobar o seu dominio da nosa lingua e o seu coñecemento sobre os nosos persoeiros máis sobranceiros.
Tecemos pontes desde este lado da ría ata o río da prata, con acento galego.
Instituto Santiago Apóstolo
O Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires vén desenvolvendo dende hai máis de 20 anos un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial.
Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis inicial, primario e secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.
Así, a custodia, difusión, reforzamento e desenvolvemento do patrimonio material e inmaterial galego en todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os novos tempos son alicerces innegociables do centro educativo, piares básicos que sustentan todos os traballos cotiáns.