Lecturas recomendadas para esta primavera

Categoría: Nova

Esta primavera chega cargada de excelentes lecturas para todas as idades.
Na Editorial Galaxia traballamos arreo para ofrecer ás lectoras e lectores obras de primeira calidade. Bo exemplo disto, son os exemplares que enchen os nosos andeis. Libros que, con tanto agarimo, realizamos, coa dedicación e traballo das autoras e autores.
Sempre é un bo momento para ler e mergullarnos en novas historias. Dende a editorial, gustaríanos recomendar algunhas lecturas para esta ponte:
Da colección Literaria, acaba de chegar aos nosos almacéns No día do seu enterro, o debut literario de Cristina Pato. Esta é unha novela sobre o poder da palabra, sobre a nobreza dos invisibles e sobre as verdades non contadas. Unha historia personalísima que amosa o que significa reconstruír a vida para para poder sacar adiante unha familia.
Aquí comeza o mar, de Blanca Riestra, é a obra gañadora do Premio Blanco Amor 2021. A autora gañou este prestixioso recoñecemento cunha historia que retrata A Coruña. Trátase dun relato xeracional onde se reflicten con acerto as vivencias de protagonistas ficticios, mais tamén reais, que quedan para sempre inmortalizados.
O libro, En tempo de desconto, de Xosé Ramón Pena, amósanos a escrita dun autor esencial das nosas letras. Estamos perante un mollo de historias que poderían ser en si mesmas partes dunha novela que as transita e atravesa e onde os personaxes, atrapados na vida, atropelados por ela, gobernan como mellor poden o seu destino. O autor fainos viaxar por un pasado posible. Un libro fabuloso.
Juan Parcero é o autor encargado de inaugurar a nova colección de Editorial Galaxia, Ficción Científica, coa súa novela A soidade selénica. Esta obra sitúa ás lectoras nun futuro oceánico e nuclear, no que a única saída para a humanidade será a vida fora da terra. Estará preparado o ser humano para ese salto?
O bosque do duque ‘s-Hertogenbosch, de Fran Fernández Davila, pertencente á colección Costa Oeste, é unha lectura recomendada para todas as idades, chea de maxia e fantasía. Ambientada na cidade de ‘s-Hertogenbosch, nace das experiencias vividas alí polo autor. Unha historia que fala sobre a identidade, a vida, e o crecemento persoal.

Para as lectoras máis miúdas, recomendamos o álbum ilustrado O maio, de Curros Enríquez e Blanca Millán. Unha festa visual, chea de lirismo e pracer estético.
Neste clásico da literatura, os versos de Manuel Curros Enríquez conxúganse á perfección coas cores, cheas de vida e diversión, de Blanca Millán. Un libro imprescindible para que as nenas e os nenos coñezan un poema esencial de nós.

Comparte nas túas redes sociais ou por email