Coa chegada do outono, comeza o refuxio lector. Sendo fundamental a lectura para a cativada, hoxe queremos recomendar catro fermosas obras para as máis pequenas e pequenos da casa, publicadas na colección Árbore de Editorial Galaxia:
VOA, VOA, de Artur Trillo, ilustrado por Estebán Souto. Lectura recomendada a partir dos 8 anos. Publicada en formato teatral, esta obra procura recuperar os retrousos, xogos de man e toda unha relación de ditos populares centrados nas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral.
Contará cunha xira teatral da man de Talía Teatro por toda Galicia.
CANDO O AVÓ ESQUECEU O MEU NOME, Accésit Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022, de Rosalía Morlán Vieites, ilustrado por María Belén Rodríguez Pazo. Lectura recomendada a partir dos 10 anos. Morlán debuta na Editorial Galaxia cunha obra que abraza a relación dunha neta co seu avó. Un avó que esquece as caras dos seres queridos e queda perdido no mundo do nada, onde o esquecemento comeza a ser protagonista.
Unha lectura resiliente, chea de valores, onde unha neta comprometida coa memoria do seu avó, colle a súa man para que non se renda e recupere as lembranzas agochadas que compartiron.
HERMILINDO ESBIRRA POEMAS, de Paula Señarís, ilustrado por Laura Romero Pereira. Lectura recomendada a partir dos 10 anos. No mundo mecánico está totalmente prohibido pronunciar palabras bonitas. Por este motivo, o protagonista, Hermilindo, debe ocultar un segredo: esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón. Unha historia fabulosa e imaxinativa que achega á cativada ao mundo das emocións e as palabras.
SOBREMESAS SOBRE VERSOS, Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022, de Raquel Castro, ilustrado por Diana Pastoriza. Lectura recomendada a partir dos 12 anos. Amosa a historia de Uxía e a súa avoa Sica. A neta acompaña a avoa, elaborando sobremesas mentres lembran os costumes do Courel, a mocidade ou a infancia. Nestra travesía Uxía é testemuña da perda de saberes e recordos da avoa.
Unha lectura ateigada de sensibilidade e compromiso social.