Celebrar a poesía

Categoría: Nova

Hoxe celebramos o Día Mundial da Poesía, unha data que apoia a diversidade lingüística e busca promover a ensinanza deste xénero.

A poesía é un medio, a través do cal a sociedade, durante toda a historia, foi capaz de expresar pensamentos, sentimentos e emocións, empregando unha linguaxe ateigada de beleza. A través da poética, as artistas expresan experiencias inevitables como o amor, a vida e a morte, polas que teñen que transitar todos os seres humanos.

Que mellor maneira de celebrar a efeméride ca lendo uns versos? Velaquí algunhas ideas:

DAKOTA, Premio Victoriano Taibo de Poesía 2023, de Masha Álvarez. Unha acertada descrición da saudade, que revoga os tópicos da emigración cun revelador diálogo interxeracional. Destaca asemade o emprego dunha linguaxe aparentemente coloquial que acaba desvelando un profundo lirismo. Unha obra, en fin, onde os patios representan o espazo sensitivo e familiar onde acubillarse do xeado estrañamento da distancia.

UN COMPROMISO CO ASOMBRO, de Rebecca Elson, traducido por Estíbaliz Espinosa. Nesta obra única dunha voz sutil como materia escura, Elson gravita con perspicaz elegancia pola enfermidade, o espazo exterior e o íntimo, e déixanos un legado polímata: a física e o poema apelan por igual á nena que somos.

CLAUSTRO CORDA COMENSAL, de Samuel Merino. O autor comparte unha crónica do suceso, abrindo unha porta pola que acceder a un recanto da memoria. A través da súa personalísima voz, as lectoras e lectores poderán ser testemuña do esquema dun desastre colectivo. Este poemario funciona como un comezo onde finaliza algo para que algo empece cando algo conclúe.

RETRATOS DE VODAS, PARTOS E FUNERAIS, de Silvia Penas. Unha poesía marcada pola sororidade, na que a voz poética é quen de mirarse noutras mulleres, que esparexen a memoria e o herdo, a beleza e a escuridade da ferida.

Esta obra é a constatación dunha fenda en cada foto tirada con palabras, como unha ruta que a lingua trazase polo medio da imaxe para pronunciarse a si mesma.

CANDO O AVÓ ESQUECEU O MEU NOME, Accésit Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022, de Rosalía Morlán. A través desta lectura recomendada a partir dos 10 anos, ilustrada por María Belén Rodríguez Pazo, Morlán debuta na Editorial Galaxia cunha obra que abraza a relación dunha neta co seu avó. Un avó que esquece as caras dos seres queridos e queda perdido no mundo do nada, onde o esquecemento comeza a ser protagonista.

Comparte nas túas redes sociais ou por email