Presentación de “As vidas do río”, en Pontevedra

Categoría: Nova

O xoves 21 de marzo, celebrarase, ás 19 h, no andar 0 da zona acristalada do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, a presentación de As vidas do río, de Xulio Teixeira.

Acompañando o autor, estarán Antón Sobral (Ateneo de Pontevedra); María Díaz, xornalista de Cadena Ser; Tomás Alonso, xornalista de Tvg; Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Xulia Teixeira recitará un poema con motivo do Día Internacional da Poesía. 

Xulio Teixeira debuta en Editorial Galaxia con As vidas do río, unha novela de suspense que fai que o lector sinta a forza de atracción dunha cidade actual, viva e máxica, onde as emocións animarán o seu camiño para coñecela.

Pontevedra, escenario do crime. Semana Santa, un tempo de tensión política, relixiosa e social. Un misterio por resolver. E un comisario, Serafín Freixeiro, enfrontado ao seu pasado. Unha novela negra cun final insólito e impactante. Un thriller apaixoante e vertixinoso que envolve ao lector nunha viaxe por unha cidade de moda con suspense, humor, tensión policial e unha escrita áxil e coidada.

Unha cidade con vida. Un río de morte que a rompe. O cadáver dunha muller. Un asasinato? O primeiro. A partir de aí a escuridade e o fanatismo anuncian días de horror. Polo medio, intriga, tensión policial e humor. Un reloxo en marcha, a ignorancia do que acontece e as pantasmas do pasado.

Nas misteriosas e revoltas augas da boa vila, o comisario Serafín Freixeiro deberá resolver a súa vida persoal e unha serie de crimes onde os intereses políticos, económicos e relixiosos chocan cunha realidade sorprendente.

Xulio Teixeira Rodríguez (O Porriño, 1968) é avogado e profesor de Dereito da Universidade de Vigo. Publicou varios libros sobre temas xurídicos e participou en diversas publicacións científicas no seu campo académico. Tamén é autor do poemario De amor e outros medos (2013) e dunha novela de literatura xuvenil, Os números viaxeiros (2023).

A súa vocación social e de aprendizaxe levárono a traballar como voluntario en causas de dereitos humanos en varios países, como O Perú, Guatemala, Ecuador, Bolivia e Colombia, e viaxar por diferentes países doutros continentes, compartindo experiencias con diversas e variadas culturas.

xulioteixeira@gmail.com

@xulioteixeira

Comparte nas túas redes sociais ou por email