Pinto & Chinto clasifícanse para os Xogos Olímpicos de París

Categoría: Nova

A parella humorística clasifícase para os xogos olímpicos de París deste verán, nun momento no que o seu libro Os xogos olímpicos de Ninguresacada a 6ª edición.

Un recoñecemento esencial para saborear o éxito olímpico!

Como reza o libro: “outros Xogos Olímpicos pasarán á Historia por ser os mellor organizados. Outros Xogos Olímpicos pasarán á Historia por ser os que viron bater un maior número de récords. Pero os Xogos Olímpicos de Ningures pasarán á Historia por ser os máis estrambóticos e divertidos. Como país organizador, Ningures puido presentar os seus atletas, que ata entón nunca participaran nunhas Olimpíadas. O equipo olímpico ninguriense formábano un grupo de deportistas, cadaquén máis estrafalario, protagonistas dunha presa de anécdotas que a continuación pasamos a relatar”.

Unha lectura hilarante á que volver unha e outra vez. 

David Pintor (A Coruña, 1975) e Carlos López (Boimorto, 1967) levan traballando como humoristas gráficos en diferentes xornais galegos dende o ano 1993. Hoxe son xa a principal referencia da caricatura política en Galicia. No ano 2001 comezan a súa exitosa incursión na literatura infantil, e despois de máis de 20 libros, convertéronse nuns dos autores máis premiados de Galicia. Así o confirman os numerosos recoñecementos que obtiveron: o premio Merlín, o premio Raíña Lupa, a selección na Feira internacional de Boloña, a selección na Bienal internacional de Bratislava, o premio Pura e Dora Vázquez, o premio Frei Martín Sarmiento, nominados varias veces nos premios da AGE, e a selección na mostra internacional Sueños en papel en México.

Comparte nas túas redes sociais ou por email