Ícaras, de Carlos Labraña, ilustrado por Mara Méndez, foi a obra gañadora do Premio O Facho de Teatro Infantil 2022.
Esta lectura recomendada a partir dos 10 anos, conta a historia de Lía.
Lía garda un segredo, a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio, nin sequera ten ás. Nun anoitecer, vanse cruzar os seus camiños e descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan. Indo xuntas, serán capaces de voar?
Unha lectura fermosa que abraza a vulnerabilidade.
Carlos Labraña é un dramaturgo galego nado en Cedeira (A Coruña) en 1969 especializado en teatro para nenas e nenos. A súa relación co teatro comezou no Colectivo Garola de teatro infantil, no que participou na escrita de pezas como O segredo de Daniel (1998) ou A Escada (1994), ambas as dúas premiadas na Mostra de Teatro Xeración Nós. Tamén acadou diferentes premios, como o Estornela, o Manuel María e O Facho con pezas que se len e representan de maneira habitual nos colexios. Entre a súa produción tamén podemos atopar O Apalpador (2016), Estrelecer (2019) ou Contra o reloxo (2021, que levou o Premio Martín Sarmiento en 2023)
Xa de maneira individual, escribiu obras para nenas e nenos como Indo para o Samaín ou Os sons da bugina. Gañou en dúas ocasións o premio Estornela por Teatro de Xoguete (2010) e A pequena compaña (2014); O Facho por Espantallo (2013), Moito Morro Corporation , Sociedade Ilimitada (2014, galardoada co Premio de Teatro na Gala do Libro 2017), Estrela… fugaz? (2015, Premio SGAE 2022), e Ícaras (2022); así como os premios Manuel María de literatura dramática infantil por O valo (2016) ou SGAE por Mambrú volveu da guerra (2022).
En 2016 fundou a compañía de teatro Os Furabolos para levar á escena as súas obras, e na que desenvolve tamén a súa faceta como actor e director.