Hoxe, martes 23 de abril, na Editorial Galaxia celebramos o Día do Libro, unha efeméride que poñemos en valor todos e cada un dos días do ano.
Ler é un acto revolucionario e nestas datas invitámosvos a facelo con toda a paixón e ganas. Convidámosvos a sentir a liberdade de entrar nun libro. Destacamos algunhas das nosas novidades, publicacións fermosas e transformadoras:
ÍCARAS, de Carlos Labraña, ilustrado por Mara Méndez. Unha lectura fermosa que abraza a vulnerabilidade.
O xoves 25 de abril, celebrase, ás 19 h, na libraría Cronopios de Santiago de Compostela, a súa primeira presentación. Acompañando o autor, estarán Armando Requeixo, crítico literario; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
HISTORIAS DE BARBANTIA. Este proxecto editorial, loable e coral, é unha mostra máis da “intelixencia natural” da Asociación Cultural Barbantia, cemento perseverante e fundacional de moitas outras actividades “arredor de nós” ao longo do ano. E vai para vinte.
Dezasete plumas, dezasete estilos, varios argumentos, temas e tramas, unidos tan só pola sinerxía da creatividade.
O venres 26 de abril, celebrarase, ás 20:30 h, no Pazo de Goiáns, en Boiro, a súa primeira presentación oficial.
No acto participarán as autoras Natalia Carou, María Xesús Blanco; Antón Riveiro Coello, coordinador do volume; Manuel Carteaga, vogal da A. C. Barbantia; María Outeiral, concelleira de Cultura de Boiro; José Ramón Romero García, alcalde do Concello de Boiro; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
O AMANTE EXPRESIONISTA, de Alex Mene. Unha homenaxe á historia do cine. Un relato que trata da maxia das imaxes, do fado, dos lazos de sangue e dos emocionais, das linguas, da importancia de amar e daquilo que perdemos consonte vai transcorrendo a vida que nos leva.
AS JERMAINE, de María Alonso Seisdedos. Nesta historia, inverosímil e real a partes desiguais, revélasenos, como a imaxe que se forma aos poucos na cubeta dunha cámara escura alumada por unha tenue lámpada da cor do sangue, que somos efémeros actores do presente e peóns do pasado, movidos polos fíos que manexa quen sabe se o demo ou a xenética, e abocados a precipitarse no nada que é o futuro.
UBASUTE, de Paula Carballeira. Despois de gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática con As alumnas, a través deste novo título, Carballeira fai referencia no título ao termo xaponés que significa literalmente “abandono dunha anciá”, o presunto costume de deixar nunha montaña ou nun lugar afastado un parente vello ou enfermo. Existen referencias desa práctica na tradición oral de numerosas culturas, pero ningunha proba. Tamén aborda a dificultade de apartar os recordos e o sentimento de culpabilidade, malia que se opte por cambiar de espazo como estratexia para distanciarse deles”.
NARRATIVA REUNIDA, de Luísa Villalta. O volume está conformado polo libro de relatos Silencio, ensaiamos (1991), un variado conxunto de once narracións nas que xa destacan algunhas das temáticas máis queridas da autora, como a música, o valor da palabra e o paso do tempo. Tamén pola novela Teoría de xogos (1997), unha obra alegórica na que constrúe a existencia como xogo, e onde os cinco protagonistas da historia transitan coma monicreques manexados pola man do azar nunha engrenaxe narrativa fonda e reflexiva. E finalmente a novela histórica As chaves do tempo (2001), que recrea unha Galicia mítica gobernada polo rei Artur baixo o consello do mago Merlín, e na que se presenta o dilema da sucesión do monarca entre os seus herdeiros. Un libro de forte carga simbólica arredor da nosa identidade.