naceu contra a súa vontade nunha cidade do sur de Galicia en 1961 e fíxose autónoma para ter aldea de seu. Sóñase bióloga desde a máis tenra infancia, pero acabou estudando Filoloxía na UAB e na USC.
Unha casualidade, como outra calquera, levouna en 1985 a traballar de tradutora no eido da dobraxe e o subtitulado de audiovisuais. Desde 2018 dedícase en exclusiva á tradución literaria, en que se estreou en 2009 coa tradución, da man da Editorial Galaxia, de O museo da inocencia, de Orhan Pamuk, en colaboración con Bartuk Aykan, recoñecida co premio da AELG á Mellor Tradución dese ano, e ao que seguiron outros moitos, entre os que destaca o Premio Nacional de Tradución 2014 por Ulises, de James Joyce (Galaxia, 2013), en colaboración con con Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle.
Esta é a súa primeira tentativa de incursión na novela, e toda a culpa tívoa un café con leite acompañado dunha fotografía en branco e negro antes dunha excursión polas fragas de Catasós.