Iria Morgade Valcárcel gaña o Premio Antón Losada por “Quen escribirá a miña historia?”

Categoría: Nova

Quen escribirá a miña historia?, de Iria Morgade Valcárcel, publicado na colección Literaria de Editorial Galaxia, gaña o Premio Antón Losada na categoría de Creación Literaria

O xurado destacou que esta obra, dunha creadora galega nova, profundiza nunha historia ambientada no Mosteiro de Oia que intercala a Guerra Civil cos campos de concentración como base da historia e do enigma a resolver.

Nesta proposta, a escritora conecta o pasado co presente en favor da memoria histórica e a xustiza. Alba, adéntrase nun enigma a través dunha frase dos anos trinta, escrita  nun muro. Unha sorte de revelación no tempo que fai que a nosa protagonista trate de resolver con todas as súas forzas este misterio.

As persoas presas no campo de concentración fronte ao mar non paraban de debuxar nas paredes do mosteiro. Facíano quizais para voar lonxe do horror. Tamén escribían, deixando nos muros as súas últimas mensaxes, os seus derradeiros pensamentos.

Intentar entender esas mensaxes levaranos a unha viaxe entre os anos trinta e o novo milenio, entre dous confinamentos ben diferentes, entre o presente e o pasado, aquel dos presos do mosteiro, pero tamén o da propia Alba, cativa, tamén ela, da violencia que non pasa.

A entrega do premio terá lugar o 15 de xuño no Pazo de Moldes, casa natal do escritor e guieiro da Xeración Nós, Antón Losada Diéguez.

Iria Morgade Valcárcel (1988) é licenciada en Ciencias Políticas. Traballa como profesora de Formación Profesional no IES Luís Seoane (Pontevedra) e dedícase á investigación en temas relacionados coa memoria, o discurso social e a mobilización social e política, realizando a súa tese de doutoramento na USC. Pertence ao grupo Histagra.

No eido académico publicou nas revistas Tempo Exterior e Revista Galega de Educación, e colaborou en obras colectivas como Sites of Violencie and Memory in Modern Spain. From de Spanish Civil War to the Present Day (2021), baixo a coordinación de Antonio Míguez, e Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, baixo a edición de Lourenzo Fernández e Antonio Míguez (Editorial Galaxia, 2018).

Iniciouse na narrativa coa novela Verbas no ar (2011), VI Premio Biblos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email