Os premios Follas Novas do Libro Galego, que valoran a produción literaria do ano 2023 en Galicia, escolleron, entre os seus finalistas para esta novena edición, 3 títulos de Editorial Galaxia.
Na categoría de Divulgación, é finalista Historias do fútbol feminino. De Irene González a Vero Boquete, de Héctor Pena. O autor repasa a historia futbolística, desde os tempos de Irene González, ata a actualidade, na que a xeración de ouro das Vero Boquete, Mari Paz Vilas e compañía comezan a abrir paso a unha nova fornada de talentos.
En Infantil, foi seleccionada Daniel no peirao, de Paula Carballeira, ilustrada por Eli García. A primeira obra de teatro sobre o intelectual rianxeiro.
Retratos de vodas, partos e funeirais, de Silvia Penas, é finalista na categoría de Poesía. A poeta ofrece un retrato persoal, no que destaca a fuxida. Unha poesía marcada pola sororidade, na que a voz poética é quen de mirarse noutras mulleres, que esparexen a memoria e o herdo, a beleza e a escuridade da ferida.
As obras gañadoras dos premios Follas Novas 2024 daranse a coñecer na gala a celebrar o vindeiro 11 de maio no Teatro Principal de Compostela. Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.