Presentación de “Historias de Barbantia. 17 relatos de autoras e autores do Barbanza”, en Boiro

Categoría: Nova

O venres 26 de abril, celebrarase, ás 20:30 h, no Pazo de Goiáns, en Boiro, a presentación de Historias de Barbantia. 17 relatos de autoras e autores do Barbanzade VVAA.

No acto participarán, Natalia Carou, escritora; María Xesús Blanco, presidenta da A. C. Barbantia; Antón Riveiro Coello, coordinador do volume; Manuel Carteaga, vogal da A. C. Barbantia; María Outeiral, concelleira de Cultura de Boiro; José Ramón Romero García, alcalde do Concello de Boiro; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Publicado na colección Literaria de Editorial Galaxia, este proxecto editorial, loable e coral, é unha mostra máis da “intelixencia natural” da Asociación Cultural Barbantia, cemento perseverante e fundacional de moitas outras actividades “arredor de nós” ao longo do ano. E vai para vinte.

Dezasete plumas, dezasete estilos, varios argumentos, temas e tramas, unidos tan só pola sinerxía da creatividade. Cada texto fai oír a súa presenza persoal nesta cadea desanoada e fraternal que nos invita a traspasar o espello máxico e vivirmos a única realidade posible: a dos soños compartidos: “Un para todos…”, armados de luz e palabra.
E se “todo está na palabra” en termos nerudianos, a palabra poética será a única arma salvavidas que nos ha rescatar dos desérticos mares que nos ameazan: a intolerancia, a insensibilidade, e mais a ignorancia.

Unha proba do talento que atesoura esta asociación.

Comparte nas túas redes sociais ou por email