Galaxia estará na Feira do Libro de Santiago

Categoría: Nova

Mañá, sábado 27 de abril, comeza a Feira do Libro de Santiago, a segunda nesta nova edición, que estará aberta ata o domingo 5 de maio, na capital galega. Celebrarase no Paseo Central da Alameda.

Editorial Galaxia estará presente coa seguinte programación:

Domingo 28 de abril, ás 17:30 h. Espectáculo musical infantil e familiar arredor de “A Ramona pequena vai á Lúa”,  de Pakolas, ilustrado por Laura Romero Pereira. Un álbum publicado na colección Sonárbore que conta a historia da Ramona pequena. Unha aventura rockeira fantástica.

O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos. 

Luns 29 de abril, ás 19:30 h. Presentación de Somos Hip Hop, de Pablo Castiñeiras e David Brey. Contará con mostra de cultura urbana (beatbox, grafitti…).

O movemento hip hop, composto polos seus cinco elementos: breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox. A través deste percorrido, as lectoras accederán a diversos glosarios de termos, kit básicos de supervivencia, exercicios prácticos e todo tipo de trucos para saber como funciona esta arte en profundidade.

Esta proposta contén un código QR que permite a todas as lectoras e lectores acceder a contidos exclusivos e realidade aumentada en www.vellaescola.com.

Martes 30 de abril, ás 18:30 h. Presentación de As vidas do río, de Xulio Teixeira.

Acompañando o autor, estará a escritora Arantza Portabales, nunha conversa que xirará arredor da novela negra en Galicia.

Unha novela de suspense que fai que o lector sinta a forza de atracción dunha cidade actual, viva e máxica, onde as emocións animarán o seu camiño para coñecela.

Ás 19:30 h. Presentación de Entomoloxía para misioneiros, Premio García Barros 2023, de Fernando Castro Paredes.

Unha obra que constrúe, mediante a diversidade de linguaxes e técnicas narrativas, un universo de ficción onde o espírito aventureiro engarza situacións que contrapoñen a devoción relixiosa co racionalismo científico e a civilización coa barbarie, e conceptos como “honor”, “valentía”, “pecado” e “deus” adquiren un novo significado para as persoas en canto se ven sometidas aos avatares do seu destino.

Mércores 1 de maio, ás 18 h / Sábado 4 de maio, ás 18 h / Domingo 5 de maio, ás 12 h. Caseta da libraría A gata tola. Sinatura con Alexandre Senande arredor de Sentinelas da Lúa Carmesí.

Unha historia de fantasía, marcada polo misterio, a mitoloxía galega e os monstros. Dous mundos paralelos que cohabitan, o real dos protagonistas, e o fantástico dun bosque poboado de seres mitolóxicos.

A vida empeza cando deixas de soñar e comezas a recordar; así comeza esta historia, conformada pola épica, emotividade, humor e pinguiñas de terror adolescente; ingredientes fundamentais nesta proposta. Sentinelas da Lúa Carmesí, afonda na inmensa riqueza de mitos e lendas de tradición oral de Galicia, conectada coa mitoloxía celta.

Mércores 1 de maio, ás 18:30 h. Presentación de Lobos nas illas, de Marilar Aleixandre.

Acompañando a autora, estará Diego Ameixeiras, xornalista e escritor.

Despois de gañar o Premio Nacional de Narrativa en 2022 con As malas mulleres, a escritora volve a sorprender con Lobos nas illas, unha lectura que pode lerse como unha novela ou como relatos encadeados sobre a memoria, os segredos das familias, aldeas nun proceso acelerado de mudanza, a Costa da Morte que constitúe unha constante na obra de Aleixandre…

Sábado 4 de maio, ás 18:30 h. Caseta da libraría Agrasar. Sinatura con Iria Aldegunde arredor de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.

Iria Aldegunde pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.

Vémonos na feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email