Tres obras de Editorial Galaxia son seleccionadas no XXI Premio Plácido Castro de Tradución

Categoría: Nova

As obras Diario do ano da peste, de Daniel Defoe, traducida por Xesús FragaDublineses, de James Joyce, traducida por María Alonso Seisdedos, e Claudine na escola, de Colette, traducida por Darío Xohán Cabana, son as escollidas nesta primeira selección.

As tres obras, publicadas na colección Literaria de Editorial Galaxia, son unha aposta por traer ao galego obras fundamentais da literatura. Xesús Fraga, escritor xornalista e Premio Nacional de Narrativa 2021, foi o artífice de traducir Diario do ano da peste,   unha obra que novela o andazo de peste que asolou Londres e a súa contorna entre 1664 e 1666, e ao que, sendo Defoe un neno de cinco anos, sobreviviu. O autor, comparte observacións e memorial dos sucesos máis extraordinarios, tanto públicos como particulares, acontecidos na capital inglesa durante a grande epidemia.

A tradutora María Alonso Seisdedos, que foi unha das encargadas de traducir Ulises, trouxo ao galego Dublineses, unha alfaia da literatura que o propio Joyce publicou en 1914. Unha colección de quince relatos escritos dun xeito realista nos que se retrata a clase media de Dublín e arredores durante os primeiros anos do século XX. No momento en que o autor escribe estas narracións, o nacionalismo irlandés e a súa defensa da identidade nacional estaban en plena efervescencia.

Claudine na escola, foi traducida por Darío Xohán Cabana. Esta obra relata o último ano de secundaria de Claudine, de 15 anos, os seus enfrontamentos descarados coa súa directora, a señora Sergent, e os seus compañeiros. En forma de diario, as lectoras e lectores poden asistir ás aventuras da adolescente Claudine na súa vila natal, entre paseos polo bosque, amores platónicos, pelexas e sucesos escolares, que a converteron nunha obra que escandalizou no seu momento polos temas que trataba: amores sáficos, homes viciosos e raparigas desvergonzadas.

A Fundación Plácido Castro da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email