Inauguración da exposición “Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito”, en Vilanova de Lourenzá

Categoría: Nova

O mércores 10 de maio, celebrarase, ás 19 h, no Museo de Arte Sacro de Vilanova de Lourenzá, a inauguración da exposición, que leva por título Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, arredor do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva.

No acto, estarán, Anxo M. Lorenzo, director xeral de cultura da Xunta de Galicia, Malós Cabrera, co-comisaria da exposición, Xosé Soutullo, Conselleiro de Editorial Galaxia e Director da Fundación Penzol, Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e Rocío López, alcadesa de Lourenzá.

Celebrarase un percorrido pola exposición.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional e Universidades, no ano das Letras Galegas 2023, dedicado a Francisco Fernández del Riego, presenta a exposición, baixo o comisaridode Malós Cabrera e Malores Villanueva, a colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega e produción de Merlín Comunicación (Grupo Editorial Galaxia), a exposición FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. “Cos ollos do seu espírito”.

De carácter informativo e didáctico, esta exposición ten a finalidade de dar a coñecer por Galicia adiante a relevante figura de Francisco Fernández del Riego, repasando a súa traxectoria vital e profesional para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes, e, tanto máis, ao coincidir co 60 aniversario da instauración do Día das Letras Galegas (1963-2023), do que foi un dos seus principais promotores, ademais de ser cofundador de Editorial Galaxia, co-director e co-fundador da revista GRIAL e director, desde a súa creación, da Fundación Penzol, dos que tamén se conmemora o seu 60 aniversario.

A exposición consta de 14 paneis informativos e mesas-vitrina con material gráfico e documental ao redor do persoeiro homenaxeado.

A mostra inauguararase en Lourenzá o 10 de maio, para logo instalarse en Vigo e Santiago de Compostela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email