En maio de 1973 As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, obra dramática da que era autor Carlos Casares, obtiña o primeiro premio no Concurso de Teatro Infantil Galego convocado por primeira vez pola Agrupación Cultural O Facho. Logo, a obra, con dirección de Xosé Manuel Rabón, sería estreada polo Grupo Teatral O Facho, no peche da Primeira Mostra de Teatro Galego, que naquel mesmo ano iniciaba andaina en Ribadavia. Nacía así hai 50 anos o teatro infantil galego, obra editada por Galaxia con ilustracións orixinais do pintor Luis Seoane. A obra volvería a Ribadavia en 1980, escenificada polo grupo Ítaca e logo o Centro Dramático Galego a representaría en 2004 e 2014.
Son As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas unha obra cun punto absurdo mais moi divertida, que nos sorprende con xiros inesperados ao pasar cada páxina. Rimos e gozamos coas aventuras e desventuras de Elías, Anxa, Toneladitas a Veciña desdentada, o Veciño da Escopeta, a galiña Petra, o can Paulino… Os máis estraños acontecementos se precipitan dende a aparición das laranxas ou toromelos, logo uns zapatos enormes que non fan par, a folla dunha porta que se pecha ás toas, o estoupido dunha laranxa, o desmaio do Toneladitas, un zapato voando, un muro que se cae, Petra cun ovo enorme e vermello… A lóxica pérdese a medida que avanzamos e nun xogo maxistral Carlos Casares lévanos polos vieiros da imaxinación coa radical transformación do real, da orde establecida.
Unha obra que aínda de hoxe, 50 anos despois, segue a engaiolar a nenos e maiores coa súa lectura, e representándose en moitos centros escolares do noso país.
Celebremos pois todos e todas este aniversario e soñemos que tanto tempo despois nunha mañá de verán nunha eira atopemos algo estraño pendurado dun limoeiro e exclamemos cun sorriso nos beizos: Vaia toromelos!