A editorial Galaxia e a Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo (ASTEAVI) asinan un convenio de colaboración para mellorar a inclusión de persoas con trastorno do espectro autista no mercado de traballo.
A editorial Galaxia móstrase comprometida co programa de integración laboral de ASTEAVI desde xa hai anos, pois este non é o primeiro convenio asinado coa asociación. Xa no 2017 existiu colaboración e neste 2023 retómase a alianza. O acordo entre ambas entidades busca asegurar o acceso das persoas con autismo a un entorno laboral competitivo, mediante a optimización e mellora do seu rendemento, facilitándolles a realización de prácticas formativas que permitan a súa posterior inserción no mercado de traballo.
Este convenio de colaboración, asinado polo director de Galaxia, Francisco Castro, e a presidenta de ASTEAVI, Lourdes Vérez, permitirá durante dous anos ofrecer oportunidades de formación para os usuarios do programa de emprego da asociación. Dito programa baséase na metodoloxía de emprego con apoio, centrada na orientación e acompañamento do participante para a inserción no entorno laboral.
Ámbolos dous representantes consideran fundamental dar visibilidade a este compromiso para acadar un maior efecto social. Así mesmo, Francisco Castro, director da editorial, fai unha lectura positiva das prácticas formativas realizadas nas instalacións da editorial cos participantes do programa no anterior acordo. Con esta nova sinatura preténdese incorporar nos próximos meses a máis persoas con TEA interesadas en mellorar as súas posibilidades no mercado laboral.
O programa de integración laboral de ASTEAVI está aberto á colaboración con outras empresas e entidades da comarca de Vigo, co fin de lograr unha inclusión e mellora da calidade de vida de persoas con TEA.