O mes que vén, a Editorial Galaxia publicará dentro do seu catálogo o libro titulado Antes molabamos máis, un volume que recolle a historia da empresa de deseño téxtil galego, Reizentolo. A publicación enmárcase dentro dos actos de celebración do 20 aniversario da popular marca Reizentolo que fixo da retranca en clave galega, o seu sinal de identidade.
A publicación pasa revista a estas dúas décadas de historia de Reizentolo nun libro de 250 páxinas nas que os distintos deseños da compañía de camisetas teñen todo o protagonismo. Ao tempo, distintas voces da cultura galega deitan a súa ollada sobre o fenómeno Reizentolo. Voces como a de Anxo Angueira, Xurxo Souto, Francisco Castro, Kiko Dasilva, David Amor, Ana Cabaleiro, Inma López Silva, Mercedes Corbillón, Raquel Castro entre outras e outros. 20 personalidades da cultura galega que escollen 20 camisetas para facer o seu comentario.
O libro servirá pois para achegar ao gran público a intrahistoria dunha empresa e dunha das marcas máis recoñecidas de Galicia. É raro o fogar galego no que non existe unha camiseta de Reizentolo. Algunhas iconas, coma a Rosalía feminista, un dos seus primeiros deseños, forman parte xa do imaxinario popular do noso país.
O libro atópase nas últimas fases da súa produción e mes que vén estará nas librarías de todo o país.