Tres obras publicadas por Editorial Galaxia foron seleccionadas na lista de Honra da OEPLI 2024, un recoñecemento anual que destaca os libros máis significativos da literatura infantil e xuvenil en España. Esta selección pon en valor a calidade e a diversidade da creación literaria en lingua galega, representada este ano, no noso catálogo, por Ícaras de Carlos Labraña, Fóra de xogo de José Luis Baños de Cos e Fóra de campo de Rosalía Fernández Rial.
“Ícaras”, de Carlos Labraña, é unha obra de teatro infantil premiada co Premio O Facho 2022, ilustrado por Mara Méndez.
Esta lectura recomendada a partir dos 10 anos, conta a historia de Lía.
Lía garda un segredo, a súa nai fíxolle unhas ás con plumas de cores, pero non lle ensinou a voar. Ana, unha estudante universitaria que traballa na hamburguesaría do barrio, nin sequera ten ás. Nun anoitecer, vanse cruzar os seus camiños e descubrirán que hai máis cousas que as achegan, que aquelas que as separan. Indo xuntas, serán capaces de voar?
Unha lectura fermosa que abraza a vulnerabilidade.
“Fóra de xogo”, de José Luis Baños de Cos, ilustrado por Agustina Shuan, foi recoñecida co VI Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil. Narra a historia dunha amizade, reivindica o dereito das nenas a través do deporte e os soños compartidos nunha situación discriminatoria e de desesperanza. Un relato poderoso sobre dereitos, igualdade e esperanza en contextos adversos.
“Fóra de campo”, de Rosalía Fernández Rial, obtivo o Premio Roberto Vidal Bolaño 2024. A autora mergúllase no universo adolescente e nas redes sociais para reflexionar sobre os perigos da exposición pública, a forza das relacións femininas e a identidade propia.