Unha historia crúa, fonda, verdadeira

Categoría: Nova

Lúa ten 16 anos e vive en Barcelona. Desde a morte do seu pai, arrastra unha dor que non sempre se ve, pero que todo o invade. O que para outros é rutina, para ela é resistencia. A súa vida faise eco, espiral, lembranza, ausencia.

Neste relato íntimo e poderoso que é Cando marchan as luces, Amalia Blanco Pose mergúllanos nunha historia contada desde dentro da ferida. A protagonista enfróntase á depresión, tentando comprender un malestar que se agocha entre o corpo e a mente, entre o pasado que pesa e un presente que escapa.

Non é un estudo nin unha análise, senón a deriva dun pensamento que busca sentido no medio da néboa. Ao seu arredor, amizades e familiares acompañan, observan e resisten tamén.

Publicada en Literaria Ronsel, esta obra, que supón o debut dunha novísima autora, conmove pola súa honestidade e pola capacidade de nomear o que tantas veces queda silenciado.

Á lúa, a todas as lúas, pola resistencia diaria.

Sobre a autora Amalia Blanco Pose:

Nacín en Santa Comba o 8 de setembro de 2006. Escribo dende pequena, influída por unha máquina de escribir suíza dos meus pais. Ao longo dos anos, recibín varios recoñecementos literarios, tanto en poesía (Premio Minerva e Premio de poesía Francisco Añón) como en narrativa, entre eles o Premio Camilo José Cela.

En 2024 participei nunha residencia literaria autodirixida xunto cos outros galardoados no Premio Minerva do colexio Manuel Peleteiro. A miña obra adoita afondar no intimismo, explorando temas como o amor, a morte e as doenzas mentais.

Ademais da escrita, practico atletismo dende hai uns anos e teño a vontade de estudar física.

Comparte nas túas redes sociais ou por email