Desde Editorial Galaxia lamentamos fondamente o falecemento do escritor, tradutor e investigador portugués Fernando Venâncio (Mértola, Alentejo, 1944 – 30 de maio de 2025), unha das figuras máis destacadas da lingüística portuguesa contemporánea e un intelectual comprometido co diálogo entre as culturas galega e portuguesa.
Profesor universitario nos Países Baixos, nas universidades de Nimega, Utrech e Ámsterdam, e colaborador habitual da prensa cultural portuguesa, Venâncio foi autor dunha obra ampla que abarcou o ensaio, a narrativa e a crónica, sempre marcada por unha vontade clara de pensar criticamente a lingua e a súa historia.
En 2020, foi recoñecido co Prémio de Ensaio Jacinto do Prado Coelho pola súa obra Assim nasceu uma língua. Sobre as origens do português, publicada en galego por Editorial Galaxia en 2022 co título Así naceu unha lingua.
Neste libro, Fernando Venâncio propón unha lectura rigorosa e accesible sobre a formación da lingua portuguesa, defendendo que as súas orixes están profundamente enraizadas no galego e que, xa no século XV, se iniciou un proceso de desgaleguización e castelanización da lingua. A súa análise, baseada na historia do léxico e narrada cun estilo claro, preciso e, ás veces, envolto nun fino humor, cuestiona os relatos oficialistas e achega unha visión renovadora ao público non especializado.
Desde Galicia, onde se lle recoñecía o seu compromiso co noso idioma e a súa cultura, Fernando Venâncio era considerado un aliado lúcido e valente, sempre disposto a poñer en cuestión as verdades cómodas e a tecer pontes entre linguas irmás.
Na súa lembranza, queda a obra e a palabra. O noso máis sentido pésame á súa familia, amizades e á comunidade intelectual que tanto o admiraba.