Tras dar á luz a súa primeira novela No día do seu enterro (Editorial Galaxia, 2022), a escritora, música e educadora Cristina Pato regresa ás librarías cun novo título que leva por título Fóra de foco.
Nesta nova obra, Pato mergúllanos na historia de Marieta Carracedo, unha xornalista de Madrid que se obsesiona co misterio que rodea a figura da fotógrafa Basil Cancela, unha artista neoiorquina que, no cumio da súa carreira, decide desaparecer da escena pública e destruír a súa obra. A procura das razóns que motivaron unha decisión tan radical leva a Marieta a iniciar unha viaxe que vai máis alá da investigación; unha exploración íntima que a obriga a cuestionar os alicerces da súa propia vida.
A medio camiño entre o West Village de Nova York, Galicia e Madrid, Fóra de foco propón unha reflexión precisa e contemporánea sobre a vida moderna e as súas tensións; a relación entre o público e o privado, entre a ambición profesional e a soidade persoal, entre a creación e o esquecemento.
Con estilo contido e mirada lúcida, Cristina Pato ofrece unha novela intimista, construída arredor de silencios, eleccións e fronteiras vitais. Un texto que convida á lectura pausada e á reflexión.
Que leva a unha artista destruír a súa propia obra?
Fóra de foco estará dispoñible proximamente en todas as librarías.