O venres 30 de maio, ás 12 h, celebrarase, no Auditorio da Biblioteca Victoriano García Martí, na Pobra do Caramiñal, o acto de presentación da obra Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras, gañadora do VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro 2024.
No acto participarán Patricia Lojo, concelleira de Cultura da Pobra do Caramiñal; Marcos Calveiro, director de edicións de Editorial Galaxia; Chus Blanco, presidenta da Asociación Cultural Barbantia; e o propio autor, Óscar Reboiras.
A presentación contará coa asistencia do alumnado de 5º de Primaria do CEIP Salustiano Rey Eiras, que terá a oportunidade de coñecer de primeira man unha historia chea de maxia e tenrura.
Cando o mundo é azul é un relato ilustrado por Carolina Nikelle Lois, protagonizado por Nuno, un neno que vive coa súa nai e que enche follas e follas cos seus debuxos azuis. A chegada do seu avó, un home grande e misterioso, traerá consigo un obxecto máxico que cambiará a súa maneira de ver o mundo.
Un libro que fala da infancia, da memoria e das novas conexións que se crean entre xeracións, con dozura e moita imaxinación.
Lectura recomendada a partir de 8 anos.