Acto de celebración do VIII Premio Roberto Vidal Bolaño no Porriño

Categoría: Nova

O mércores 28 de maio, celebrarase, ás 19 h, no salón de actos do IES Ribeira do Louro, no Porriño, a gala de entrega do VIII Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, concedido a Iván Caloto pola obra Os rapaces só se tocan para darse de hostias.

Acompañando o gañador, o acto contará coa participación de Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; Raquel Castro, secretaria do xurado e coordinadora do premio; e Marcos Calveiro, director de publicacións da Editorial Galaxia.

Nesta edición, o premio foi concedido á obra Os rapaces só se tocan para darse de hostias, de Iván Caloto, unha peza coral que destaca pola súa capacidade para afondar nos conflitos sociais e na orixe dos prexuízos, ofrecendo un retrato moi recoñecible da necesidade de pertenza na adolescencia. Un texto valente, directo e necesario.

Durante a gala haberá interpretacións musicais do alumnado de 1º de Bacharelato de Música e a representación da peza O bo veciño, a cargo do Grupo de Teatro do IES Ribeira do Louro.

Unha cita para celebrar a palabra viva, o teatro que nace nas aulas e os soños que se escriben en galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email