(Ourense, 1980) Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato foi aclamada como «unha virtuosa explosión de enerxía» por The New York Times. Na actualidade, a súa vida profesional está centrada na exploración do rol das artes na sociedade a través da docencia e da produción.
Traballou como artista en residencia na Universidade de Nova York (NYU), na Universidade de Harvard e na Universidade de California, Santa Barbara. Ademais de colaborar durante quince anos co Silkroad Project, a organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma.
Como escritora e columnista, no ano 2015 comezou a súa andaina cunha columna quincenal no xornal El Correo Gallego, e desde o 2017 escribe unha popular columna semanal para a contraportada do periódico La Voz de Galicia titulada A arte da inquedanza pola que gañou o XVII Premio Afundación de Periodismo Fernández del Riego. No ano 2022 publica a súa primeira novela No día do seu enterro, coa Editorial Galaxia (Colección Literaria, 2022).
Cristina divide o seu tempo entre Nova York e Galicia e comparte a súa vida co fotógrafo Xan Padrón.
Podes visitar a súa páxina web aquí: www.cristinapato.com