Necesitamos xanelas e referentes nas que mirarnos. Necesitamos mulleres que escriban dende a súa propia perspectiva como miran e senten o mundo. Necesitamos seguir loitando en favor dun mundo mellor, máis igualitario e solidario.
Perseguir camiños de utopía porque, aínda que o sol sempre está ao outro lado, para iso sirve camiñar, para avanzar.
Nun día como hoxe, dende Editorial Galaxia queremos amosar o noso compromiso coa causa feminista e o noso apoio ás súas reivindicacións. Quedan atrás os tempos de Anónimo era muller, nos que polo simple feito do xénero, as mulleres tiñan que asinar as súas obra cos nomes dos seus homes para que os seus escritos fosen tomados en serio. Aínda que esa época quedou atrás, o presente ciméntase nas cinzas do pasado. É nosa a responsabilidade de loitar por un futuro aséptico e ilusionante.
Dende Galaxia, queremos presentar lecturas que nos impulsen e fagan pensar sobre o acadado e o que queda por alcanzar:
MULLERES QUE (NOS) DAN QUE PENSAR, de África López Souto. Cómpre sacar á luz mulleres que foron agochadas, esquecidas, banalizadas. Pararnos a pensar con elas e sobre elas. Iso fai a autora neste libro, publicado na colección Feminismos.
JUANA DE VEGA. A MULLER QUE DESAFIOU O SEU TEMPO, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira. Juana de Vega converteu a súa casa da Coruña nun centro intelectual e político e ideou formas de participación na vida pública nun tempo en que isto estaba prohibido ás mulleres. Deixou tamén unhas Memorias que complementan as súas accións en defensa das liberdades coas xustificacións desa loita, e conseguiu amosar que as batallas polas causas perdidas son semente de futuro.
MORGANA EN ESMELLE, de Begoña Caamaño. Premio da Crítica Española ao Mellor Libro de Narrativa 2012. A autora consegue propoñer unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda.
AS ALUMNAS, de Paula Carballeira. Premio Nacional de Literatura Dramática 2023. Unha peza teatral abraza a memoria. Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. As lembranzas que se van desenvolvendo fannos descubrir como as decisións que se tomaron, e o medo e a rebeldía, marcan o seu destino.
ADIÓS MARÍA, de Xohana Torres. O retranto dun tempo que xa non é, pero que explica quen somos. Unha clara denuncia social da emigración contada a través da historia dunha rapaza viguesa, filla dun traballador botado ao paro e empurrado á emigración pola desaparición dos tranvías.
O MEU PECADO MORTAL. O VOTO FEMININO E MÁIS EU, de Clara Campoamor; en edición de Celia Pereira Porto; con tradución de María Reimóndez. Campoamor tiña moi claro que a batalla pola emancipación feminina nunca se pode dar por gañada, ou que, polo menos, queda moito para aproximarnos a ese ideal; e que, a pesar dos argumentos conxunturais esgrimidos en cada época cara aos avances a prol da xustiza de xénero, a oposición de fondo reside na misoxinia imperante, nun sistema de dominación que chamamos “patriarcado”, contra o que, aínda na actualidade, debemos enfrontarnos nos ámbitos máis diversos da nosa vida individual e colectiva.
ASÍ NACEN AS BALEAS, de Anxos Sumais. Premio de Narrativa Breve Repsol 2007. A historia dunha liberación e, ao tempo, a viaxe de volta dunha muller nova á casa, á familia e ao pasado. Sentimentos, paixóns, condicionantes sociais e vivencias estouran a través dunha linguaxe renacida, cunha maneira de narrar que descobre o mundo cos ollos novos de quen quere vivir nel de xeito diferente.
MIGRANTAS. A NOVA DIÁSPORA GALEGA CONTADA POR MULLERES, de María Alonso Alonso. Un libro de conversas coas que marcharon forzadas por unha crise, ou crises, que nada teñen que ver con elas.
Un libro de historias en primeira persoa sobre a nova diáspora galega onde falan as súas protagonistas, e que intenta romper coa idea patriarcal da emigración galega. Os testemuños das mulleres que aquí participan abordan temas relacionados cos sentimentos de pertenza e de desarraigamento, a idea de fogar, o concepto de tránsito ou o do regreso imposible.
Presentamos estas oito historias que son só un resumo do noso imaxinario colectivo e social. Seguimos camiñando, xuntas, cada día en prol dese mundo que reivindicamos dende a literatura.