Xa está aquí a nova peza teatral de Paula Carballeira! Tras ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática, pola obra As alumnas, a dramaturga volve a sorprender con Ubasute.
Esta proposta naceu ao abeiro do programa “Dramaturxias itinerantes / Dramaturgias itinerantes”, froito da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega, o Camões – Centro Cultural Português en Vigo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e a ESMAE do Porto, e ten como obxectivo o encontro entre creadoras escénicas de Galicia e Portugal, para promover un maior coñecemento da escrita teatral feminina contemporánea dos dous lados da raia.
Ubasute fai referencia no título ao termo xaponés que significa literalmente “abandono dunha anciá”, o presunto costume de deixar nunha montaña ou nun lugar afastado un parente vello ou enfermo. Existen referencias desa práctica na tradición oral de numerosas culturas, pero ningunha proba.
En palabras da propia autora, esta obra trata sobre “as diferentes maneiras que hai de deixar para sempre algo, alguén ou incluso de abandonarse a un ou a unha mesma. Tamén aborda a dificultade de apartar os recordos e o sentimento de culpabilidade, malia que se opte por cambiar de espazo como estratexia para distanciarse deles”.
Hai linguas que só teñen unha palabra para o abandono, pero iso non quere dicir que non haxa diferentes maneiras de deixar para sempre algo, a alguén. Pouco importa que intentes cambiar de espazo, que creas que indo ao Xapón conseguirás afastar a culpa. Non existe un lugar no mundo onde fuxir de ti, e mesmo as pantasmas acoden cando as chamas, con poesía ou cos recordos. Ademais, no teatro, tamén as pantasmas cobran vida diante dos nosos ollos.
Esta semana chegará ás librarías.