Logo de Orixe, a súa primeira novela e Premio Blanco Amor 2003, Séchu Sende volve cun libro de relatos especialmente escrito para ti, que tamén buscas a vida nas palabras.
Un libro que procura a fórmula da liberdade na punta da lingua. Un libro de historias orixinais como cada unha das persoas e dos pobos que coñecemos ou soñamos: únicos. Un libro que conta contigo para ler o mundo con palabras que tamén son túas. Un libro difícil de soñar, como a vida mesma. Contraditorio, inocente, emocionante, creativo, rebelde: un libro Made in Galiza.
Este libro foi traducido ao curdo pola editorial Avesta, co título: Di xewnan de jî ez ê zimanê xwe winda nekim, "Nin en soños vou perder a miña lingua".
Podes ver aquí a presentación de Made in Galiza na feira do libro de Vigo 2007, a cargo de Séchu Sende, Carlos Santiago, Carlos Lema e o Galiza Pulgas Circus.
Xosé Luis González Sende naceu en Padrón en 1971. É profesor e escritor. Nos últimos tempos estivo ligado de forma moi importante ás plataformas Nunca Máis e Burla Negra. Da súa produción poética destaca o libro Odisea. En 2004 gañou o Premio Blanco Amor de novela con Orixe. En 2007 publica, tamén en Galaxia, o libro de relatos Made in Galiza.