Aleixandre e López Sández publican o seu libro sobre Emilia Pardo Bazán

Categoría: Nova

Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento de Emilia Pardo Bazán, de Marilar Aleixandre a María López Sández, é o novo libro da Colección Feminismos. O resultado de dous intensos anos de traballo nos que as escritoras intercambiaron sinerxías para darlle vida a este novo título.
Un libro necesario para seguir movendo os marcos do patriarcado, como o fixeron as ideas de Emilia Pardo Bazán. Para alén de denunciar a violencia contra as mulleres, a física, dando nome aos mullericidios, e a simbólica; de criticar a asimetría nos xuízos a mulleres e homes; de esixir a fin das discriminacións que impedían ás mulleres estudar e exercer traballos remunerados, identificou algunhas das bases ideolóxicas que sustentan estas discriminacións e violencias, algúns dos mecanismos polos que se exercen, o que hoxe chamamos patriarcado. Exemplos son a doutrina que supón diferenzas naturais, intelectuais e mesmo morais entre mulleres e homes; a negación ás mulleres dos dereitos chamados “universais” asignándolles un destino relativo ao dos varóns e a familia; a crenza en que os homes son donos da vida e morte das mulleres.
Coa súa vida e a súa obra, Emilia Pardo Bazán afirmou o dereito das mulleres a seguir “o seu propio destino”, ao pracer, a tomar a pluma e reivindicar as mulleres “até a última gota de tinta”.

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é feminista; narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega desde 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega. Desenvolveu un extenso labor académico na Universidade de Santiago de Compostela, centrando a súa investigación na argumentación e no pensamento crítico. Editorial Galaxia publicou recentemente o libro Mudanzas e outros velenos (2017), que reúne parte da súa obra poética; na colección Costa Oeste Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (2017) e A filla do minotauro (2018), Premio Raíña Lupa; e na colección Literaria, A Compañía clandestina de contrapublicidade (1998), Premio Álvaro Cunqueiro, e As malas mulleres (2021), Premio Blanco Amor.
María López Sández (Lugo, 1973) é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce a docencia no ensino secundario e como profesora asociada de Didáctica da Lingua e a Literatura na Facultade de Ciencias de Educación da USC. En 2007 foi galardoada co Premio Ramón Piñeiro de ensaio pola obra Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio e, en 2012, co Premio Repsol de Narrativa breve por A forma das nubes, ambos os libros publicados por Editorial Galaxia, xunto con O faro escuro (2015), A noite da deusa (2020) e Illados. Diario da pandemia (2020).

Comparte nas túas redes sociais ou por email