Hoxe presentamos na Delegación da Xunta de Galicia en Vigo o libro de Marilar Aleixandre e María López Sández Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán e que publicamos na Editorial Galaxia dentro da colección Feminismos. Ademais das autoras, estiveron con nós no acto o presidente do Consello de Administración da Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, a Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
As ideas de Emilia Pardo Bazán contribuíron a mover os marcos do patriarcado. Para alén de denunciar a violencia contra as mulleres, a física, dando nome aos mullericidios, e a simbólica; de criticar a asimetría nos xuízos a mulleres e homes; de esixir a fin das discriminacións que impedían ás mulleres estudar e exercer traballos remunerados, identificou algunhas das bases ideolóxicas que sustentan estas discriminacións e violencias, algúns dos mecanismos polos que se exercen, o que hoxe chamamos patriarcado. Exemplos son a doutrina que supón diferenzas naturais, intelectuais e mesmo morais entre mulleres e homes; a negación ás mulleres dos dereitos chamados “universais” asignándolles un destino relativo ao dos varóns e a familia; a crenza en que os homes son donos da vida e morte das mulleres.
Coa súa vida e a súa obra, Emilia Pardo Bazán afirmou o dereito das mulleres a seguir “o seu propio destino”, ao pracer, a tomar a pluma e reivindicar as mulleres “até a última gota de tinta”.