A Editorial Galaxia publicará unha completa biografía de Xela Arias

Categoría: Nova

Montse Pena Presas é a autora da publicación.
A primeiros do mes de abril, a Editorial Galaxia publicará a obra de Montse Pena Presas, Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias. A obra é froito dun rigoroso estudo da poeta de Sarria a cargo dunha das analistas literarias máis importantes do noso país e que xa escribiu para Galaxia as biografías sobre Roberto Vidal Bolaño e María Victoria Moreno.
Na publicación que Galaxia porá nas librarías de todo o país, Pena Presas percorre a vida e a obra de Xela Arias dende o seu nacemento en Sarria ata o derradeiro dos seus días. Unha vida e unha obra marcadas pola heterodoxia dunha muller que non desexaba ser categorizada en correntes ou escolas de ningún tipo. Como é habitual na obra de Montse Pena Presas, o libro está escrito cunha prosa achegada á narrativa, lonxe de formalismos académicos, algo que, sen dúbida, tamén sería moi do agrado da propia poeta estudada. Capítulos como Máis rock and roll e menos poesía ou Como regra vital, a independencia, marcan o ton intempestivo, coma o título, que a autora soubo darlle a esta biografía, literaria e vital, da autora homenaxeada nas Letras Galegas deste 2021.
O libro sairá publicado nun formato singular e fóra de colección, con abondante material fotográfico e unha lista de Spotify coa música que a Xela Arias máis gustaba.

Comparte nas túas redes sociais ou por email