Lecturas de Nadal

Categoría: Nova

Coa chegada do frío e as celebracións, dende Galaxia recomendamos algunhas das nosas novidades para engadir á lista de desexos deste Nadal:

TECENDO REDES, IV Premio de Novela Vilar Ponte 2022, de Irene Rega Jul. Unha novela de intriga, que tamén esculca nas miserias da sociedade e nas vítimas dos abusos de poder, na dor do silencio e na culpa. Unha lectura trepidante que te deixará sen alento.

ENTOMOLOXÍA PARA MISIONEIROS, Premio García Barros 2023, de Fernando Castro Paredes. Ambientada nun século XIX imaxinario, o autor constrúe, mediante a diversidade de linguaxes e técnicas narrativas, un universo de ficción onde o espírito aventureiro engarza situacións que contrapoñen a devoción relixiosa co racionalismo científico e a civilización coa barbarie, e conceptos como “honor”, “valentía”, “pecado” e “deus” adquiren un novo significado para as persoas en canto se ven sometidas aos avatares do seu destino.

SENTINELAS DA LÚA CARMESÍ, de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande. Unha historia de fantasía, marcada polo misterio, a mitoloxía galega e os monstros. Dous mundos paralelos que cohabitan, o real dos protagonistas, e o fantástico dun bosque poboado de seres mitolóxicos.

A vida empeza cando deixas de soñar e comezas a recordar; así comeza esta historia, conformada pola épica, emotividade, humor e pinguiñas de terror adolescente; ingredientes fundamentais nesta proposta. Sentinelas da Lúa Carmesí, afonda na inmensa riqueza de mitos e lendas de tradición oral de Galicia, conectada coa mitoloxía celta.

A BRIGADA IRIDISCENTE, de Elena Andrés, é unha banda deseñada enfocada a público infantil. Estas páxinas están ateigadas de humor e compañeirismo. Unha pandilla diversa de cinco amigos vivirá unha aventura, durante as festas de verán da súa vila, nos inchables da feira. Alí terán que idear a maneira de saír do labirinto que se forma dentro da atracción.

Estas festas agasalla lecturas, libros con outras visións e percepcións do mundo. Agasalla universos ateigados de maxia e imaxinación. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email