Reunido hoxe o xurado na cidade de Santiago de Compostela, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega; composto por María López Sández, Amancio Liñares Giraut, Rocío Carolo, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
Despois das correspondentes deliberacións, o xurado decide, por maioría, outorgar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, na súa vixésimo terceira edición, á obra titulada Economía e Poesía: rimas internas.
O xurado destacou neste ensaio a súa capacidade para abrir un debate sobre a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar as e os traballadores da palabra en xeral, e da poesía, en particular, con remuneracións acordes ao valor e importancia do seu traballo.
Defensor de posicións fondamente polémicas, este ensaio critica procederes dos distintos axentes do sistema cultural tendentes á desprofesionalización do oficio autorial e á minusvalorización das súas achegas.
Economía e Poesía: rimas internas establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.
Ensaio controvertido arestado e personalísimo, este texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar unha crítica do noso mundo literario que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente.
Yolanda Castaño, nada en Santiago de Compostela o 19 de abril de 1977, é unha poeta galega que se dedica tamén ao xornalismo e á televisión.
Licenciouse en Filoloxía e realizou estudos audiovisuais na Coruña. Activa dinamizadora cultural, dende 2009 dirixe varios proxectos con poetas galegos e internacionais: o ciclo de recitais mensuais POETAS DI(N)VERSOS na Coruña (Premio da Crítica – Galicia á mellor Iniciativa Cultural 2014), o Festival de Poesía PONTEPOÉTICA en Pontevedra e o Obradoiro Internacional de Tradución Poética «Con barqueira e remador», na illa de San Simón.
Autora multipremiada (Premio da Crítica Española 1999, Premio Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009, Premio Fundación Novacaixagalicia, entre outros), publicou o seu primeiro libro en 1995, Elevar as pálpebras. Tiña daquela dezasete anos e sorprendeu aos lectores e á crítica pola súa madurez e ao mesmo tempo pola novidade da súa expresión. Delicia e Vivimos no ciclo das erofanías confirmaron esa primeira impresión. En 2003 publicou O libro da egoísta (Galaxia, 2004), unha obra que marca un punto e á parte na súa obra.
A súa actividade creativa vai máis alá do medio impreso. Interesada na expresión artística e xornalística do audiovisual, dirixiu en TVE de Galicia o programa Mercuria, centrado nas vangardas creativas galegas. Formou parte da equipa directiva de Letras da Cal e codirixiu con Olga Novo a revista de artes Valdeleite. No ano 2000, e baixo o título de Edénica, viu a luz unha antoloxía persoal da súa obra anterior, acompañada dun CD no que a autora cantaba versións musicadas dos seus poemas.
Ofrece obradoiros literarios, recitais, videopoesía e outras mostras do seu traballo dentro e fóra do país, por toda Europa e América, ademais de Tunisia, China ou Xapón. Durante anos traballou en televisión (Premio Mestre Mateo Mellor Comunicador/a de TV 2005) e publicou columnas en distintas cabeceiras galegas. Foi responsable de mostras poéticas colectivas, de traducións de poesía e de edicións literarias.
En 2023 gaña Premio Nacional de Poesía pola súa obra Materia. (Xerais, 2022)
Na Editorial Galaxia publicou títulos para público infantil como Cando eu saiba ler, ilustrado por Xosé Tomás; Punver, e Punver de volta, ilustrados por Eduardo Hermida. En 2011 publicou xunto con Andrea Costas, Cociñando ao pé da letra.