Publicado na colección Memoria de Editorial Galaxia, Avelino Cabezas e os seus irmáns. Un relato de Narón, de Antón Seoane, este libro recolle a odisea de cinco irmáns, catro cativos e unha rapaza, nados na mesma cidade do título, entre 1870 e 1878.
Unha aventura que recolle a evolución dunha saga, dende os tempos da gran emigración galega a América do Sur, a finais do século XIX, ata os lindeiros da Segunda Guerra Mundial.
Marcharon, un a un, en travesías distintas, coa dor da partida, nunha emigración atípica, na que a causa directa, non foi a fame, senón escuras motivacións e feridas do afecto e do alma.
Quen os guiou foi o maior, Avelino que marchou con 13 anos para arribar, e triunfar como empresario innovador, humanista, honesto e solidario, na emerxente Buenos Aires. Morto en 1916, os seus irmáns seguiron arreo no labor, ata 1936.
Do poderío económico conseguido seguen a dar fe dúas casas. Unha, El Paraíso, na Córdoba arxentina; a outra en Narón, Libunca.
Ninguén deixa casa e terra a esas idades se non é por causa e conviccións poderosas; a fame ou “outras” fames posibles.
Antón Seoane (Ferrol 1949), Psiquiatra. Foi represaliado pola loita Antipsiquiátrica no Hospital de Conxo dos anos setenta. Exerceu de médico rural, non podendo retomar a súa actividade como psiquiatra ata 1978. Traballaría na sanidade pública ata a súa xubilación, sendo en Vigo, un dos fundadores do primeiro Círculo Freudiano de Galicia.
Como músico, participou na creación do Movemento Popular da Canción Galega, con intensa relación con R. Romaní, Emilio Cao, Pilocha, Faiscas do Xiabre, etc. No 1978 participou na fundación de Milladoiro, grupo no que permaneceu 35 anos.
Dende o ano 1973 amosou a súa querenza pola zanfona, conseguindo en 1976, en Monforte (Guillermo Álvarez), darlle nova vida ao modelo que empregaba Faustino Santalices. É autor da súa primeira biografía, así como coordinador da Antoloxía Completa do folclorista.
Ademais de Milladoiro, compuxo e produxo discos para Pilocha, Leilia, un disco para nenos, “Lambon”, ou discos temáticos: A volta dos nove sobre fusilamentos franquistas en Baiona. É autor do tema central “Foi coma un soño”, do filme “O lapis de Carpinteiro”, dirixida por A.Reixa.
Así mesmo, foi coautor do libro Conxo Manicomio e Morte e do libro/disco “De Voces Ceibes a Milladoiro”, no que se incluían 18 cancions gravadas exprofeso (Galaxia,2014).