Presentación de “Cando o avó esqueceu o meu nome”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O mércores 20 de decembro, celebrarase, ás 20 h, no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela, a presentación de Cando o avó esqueceu o meu nome, Accésit Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022, de Rosalía Morlán.

Acompañando a autora, estarán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Isabel Gey, Presidenta de Agadea; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Contará coa interpretación musical de Manoele de Felisa e a Coral de Habaneras de Rocha Forte.

A Asociación Agadea realizará recitais poéticos con poemas do libro.

A través desta lectura recomendada a partir dos 10 anos, ilustrada por María Belén Rodríguez Pazo, Morlán debuta na Editorial Galaxia cunha obra que abraza a relación dunha neta co seu avó. Un avó que esquece as caras dos seres queridos e queda perdido no mundo do nada, onde o esquecemento comeza a ser protagonista.

Unha lectura resiliente, chea de valores, onde unha neta comprometida coa memoria do seu avó, colle a súa man para que non se renda e recupere as lembranzas agochadas que compartiron. 

Rosalía Morlán Vieites (Trazo, 1959) é diplomada en Enfermería (DUE), profesora asociada na Facultade de Enfermería da USC e secretaria da fundación Neira Vilas.

Das súas obras destacan, en poesía para adultos, Nas rúas de Compostela (2016) e Camelias de amor (2021), e en infantil A coitada lúa (2010, mención de honra do Premio ARUME de poesía 2009), Estrelas de azucre (2012), O castelo da Rocha Forte (2014), Canta a lúa coas estrelas (2015), O dragón Antón e o sapo Rosendo (2019). Tamén publicou a obra de teatro infantil O libro do mundo dos soños (2013).

Acadou o Premio de Poesía sobre la mar Brisa Marina 2011 e o Premio de poesía Hernán Esquío (2012 e 2018), entre outros.

Dende hai anos vai aos colexios para falar de poesía con nenas e nenos de tres a catorce anos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email