Hoxe poñemos o foco na solidariedade, na necesidade de cooperar e loitar polos dereitos humanos de maneira conxunta. O obxectivo dun día como hoxe é o de celebrar a nosa unidade na diversidade, para fomentar o debate sobre as diferentes maneiras de promover a solidaridade e, sobre todo, para actuar e buscar novas medidas para a erradicación da pobreza en todas as súas vertentes.
Seguindo ese espíritu de compartir e loitar, en conxunto, recomendamos algunhas lecturas que sitúan a conciencia social como protagonista:
O AGASALLO DE ANYA, de Sabela Núñez Singala. Froito dunha experiencia persoal da autora en Ucraína, nace este libro, publicado na colección Árbore de Galaxia. Unha obra que nos achega á realidade de dúas nenas de once anos: Xiana, galega, e Anya, ucraína.
Malia vivir a miles de kilómetros de distancia, as súas vidas non son moi diferentes, sobre todo se falamos de sentimentos, ilusións, ganas de ser felices e de gozar do mundo. Entendemento, comprensión… valores que caracterizan este libro e que nunca pasan de moda.
REENCONTRO, de Fred Uhlman. Unha proposta que loita contra o discurso de odio apostando por unha historia na que goberna a amizade. Un vínculo entre dous mozos de dezaseis anos separados pola barbarie nazi.
Hans é fillo dun médico xudeu e Konradin é un aristócrata descendente dunha das familias máis vellas de Alemaña. As súas afinidades e o seu xeito de ver as cousas convérteos en amigos íntimos. Pero cando Hitler chega ao poder, Konradin entre no exército nazi e Hans ten que marchar de Alemaña. Esta novela, publicada por vez primeira en 1971, converteuse rapidamente, sen ningún tipo de promoción, nun libro traducido e lido en todo o mundo. Na base deste recoñecemento están a súa fondura, a súa emotiva sinxeleza e a súa capacidade evocativa, cualidades que fan desta novela en miniatura unha pequena obra mestra. É importante ter moi claro o que pasou no pasado para que non se repita no noso futuro.
DÍAS DE INTEMPERIE, de
Antón Riveiro Coello. Velaquí un espello no que ollar o mellor e peor de nós. Cunha temática de desafortunada actualidade, onde o pano de fondo é a guerra, Riveiro Coello ispe os personaxes para os deixar nunha intemperie que tamén podería ser a nosa.
Asuntos como os coidados, a fidelidade, a homosexualidade, a covardía, a vinganza, a suplantación de identidade, o amor polos libros, o contrabando ou a orfandade son algúns dos temas que compoñen este libro estremecedor. O autor pon os seus personaxes en situacións límite para que nos amosen as súas luces e sombras. Relatos duros que nos enfrontan co espello para sabermos o lugar que poderiamos ocupar en conflitos tan diversos como os que acollen estes relatos. Unha proposta que invita á reflexión e a empatía nas situacións de necesidade extrema.
MEMORIAS DUN NENO LABREGO, de
Xosé Neira Vilas. O autor plasmou neste libro o sentir de Balbino, un rapaz de aldea que emprega o seu caderno para contar o que lle acontece e o que sente. Enmarcado nun tempo caracterizado pola emigración e a miseria, este título é moito máis ca un libro, é unha obra que conta a Galicia do século XX e a realidade de multitude de persoas que se senten identificadas con Balbino e coa súa historia.
Xosé Neira Vilas é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace este libro que vai tocando nas portas de lectoras e lectores de todo o mundo.
Traballemos cada día, no individual e no colectivo, para construír un mundo no que a empatía sexa moeda de cambio.