Velaquí a intervención de Antón Vidal Andión, presidente de Editorial Galaxia, o día que se presentou, en Ourense, a nova colección de Editorial Galaxia: Biblioteca Nós. Unha selección que recolle dez obras dos autores máis senlleiros deste colectivo que revolucionou a Galicia do seu tempo:
“Boas tardes Sr. Conselleiro; Sr. Secretario Xeral; Sra. Directora da Biblioteca, amigos e amigas, cúmpreme a min hoxe representar a Editorial Galaxia facendo dende ela a debida homenaxe no seu centenario á xeración Nós, neste acto de presentación desta colección.
Quero salientar que este acto se faga nesta cidade, en que naceron a maioría dos membros da xeración Nós, e que tanto influíu en todos eles, definida no seu día por Marcos Valcárcel como a “cidade de Nós”, así como me congratulo que esta biblioteca se denomine de Nós.
Presentamos hoxe os dez primeiros libros da denominada Biblioteca Nós, con autores como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Antón Vilar Ponte ou Castelao.
De Vicente Risco Risco recupéranse dous títulos, Teoría do nacionalismo galego e Leria.
A súa vez as reedicións de Otero Pedrayo Polos vieiros da saudade, Entre a vendima e a castañeira e O Señorito da Reboraina.
Tamén se recupera a figura de Antón Losada Diéguez mentor de Nós, cunha Escolma de textos 1.900-1929 e de Antón Vilar Ponte cun libro inatopable Co pensamento na patria.
Complétase esta primeira entrega coa Antífona da Cantiga, o primeiro libro que editou Galaxia no 1951, de Ramón Cabanillas, rescátase a biografía de Vicente Risco escrita por Carlos Casares e o Diario 1921, de Castelao.
Esta colección compleméntase por outra banda cunha Antoloxía escolar da época Nós, da autoría da profesora Patricia Arias Chachero, na colección Literaria Ensino, destinada ao alumnado de secundaria e bacharelato, onde se da unha visión de conxunto dos principais textos desta xeración. En palabras da autora a “antoloxía obedece á firme convicción de que os estudantes galegos deben ter a oportunidade de ler os nosos clásicos”.
Así as cousas, trátase con esta colección de cubrir lagoas nos eidos dalgúns dos textos clásicos, xornalísticos, ensaísticos ou narrativos, algúns deles de difícil acceso. Á súa vez preténdese dar a coñecer ós lectores máis novos o ideario dunha xeración decisiva para entendermos a cultura galega contemporánea, ideario baseado en dúas razóns: a primeira é a súa dimensión nacionalizadora, concibida como unha nova forma de entender Galicia. A segunda razón foi a de integrarse na cultura europea, procurando o diálogo e a proxección noutras culturas próximas, sobre todo a portuguesa e a francesa.
No comezo da miña intervención citaba que Galaxia era debedora desta homenaxe, pois Galaxia, como ben sabemos, é a continuadora da revista Nós. Galaxia foi fundada en 1950, van alá xa 70 anos, nuns tempos de chumbo e medos. Foi o seu primeiro Presidente Ramón Otero Pedrayo, un dos colaboradores máis prolíficos da revista, así como algúns outros membros do primeiro consello de administración, a ese teor, Carballo Calero deixou dito que “Galaxia é a sucesora do grupo Nós”, isto é, “a continuación do galeguismo tradicional, mais potenciando o carácter moderno, o carácter europeo, desa cultura”. Como sabemos, Galaxia naceu como un proxecto político cultural do galeguismo-nacionalismo, seguindo o fío das institucións que nos precederon como o Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala ou a mencionada xeración Nós.
Como todas as institucións citadas, Galaxia precisaba un órgano de expresión, e, dende a súa creación, unha das primeiras preocupacións dos fundadores foi crear unha revista cun propósito de autoafirmación e como vía substitutiva da acción política. Daquela o réxime non autorizaba revistas novas, e menos en galego, polo que optaron por publicar unha colección de cadernos monográficos que se publicarían con regularidade trimestral, nacendo deste xeito a chamada Colección Grial, da que só foron publicados catro cadernos por mor de ser prohibidos pola censura franquista no ano 1952.
Houbo que esperar ó ano 1963 para a súa autorización baixo a denominación Grial “Revista galega de cultura”. O Grial é unha realidade ininterrompida de cincuenta e sete anos no ámbito cultural galego e mundial, pois a revista está presente en universidades de todo o mundo.
A revista Grial respondeu dende sempre a cinco obxectivos, que se marcaron os fundadores de inicio e que chega aos nosos días:
1.- Ser vehículo responsable da actividade cultural galega.
2.- Ser vehículo de incorporación a Galicia da cultura universal, e en especial a europea.
3.- Facer presente fora de Galicia a imaxe da cultura galega.
4.- Contribuír ao prestixio cultural da lingua galega, tanto dentro como fora de Galicia.
5.- Incorporar a mocidade,pois daquela a cadea de transmisión da nosa cultura estaba rota.
Grial, como a revista Nós, é a obra comunitaria de varias xeracións entregadas con ilusión e esperanza a reconstrución da nosa cultura dun xeito desinteresado.
Debémonos, pois, preguntar que é o que une as diferentes xeracións galeguistas; a resposta, ao meu modo de ver, contouna moi ben Otero Pedrayo, ao explicar como xurdiu o seu compromiso con Galicia, o milagre está nunha palabra a “Idea”. Contaba como Losada Diéguez , que foi quen o levou ó galeguismo, logo dunha viaxe deste ao País Vasco en que contactou cos intelectuais daquela terra, chamouno e díxolle: “Otero, xa tes trinta anos, xa está ben, xa vai sendo hora de tomar unha postura e pórse a traballar, xa sabes o importante é a ‘idea’”.